Unha aplicación galega mide o grao de felicidade das persoas a partir das súas expresións faciais

martes, 29 de maio do 2012 Raquel Noya

O proxecto piloto probarase na web Deporfelicidad.com, na que se medirá o grao de felicidade dos seareiros do Deportivo

Por sorte, malia que moitas veces non nos damos conta por mor da mala etapa que está a sufrir a nosa economía, aínda hai moitas cousas que conseguen arrincarnos un sorriso cada día, e que contribúen a que a nosa felicidade non se vaia desgastando, por moito que aumenten os desgustos sufridos na vida.
Cousas como o nacemento dun bebé, a chegada do bo tempo, a visita dun vello amigo, a sorpresa dun familiar ou o ascenso do noso equipo, contribúen notablemente a incrementar a nosa felicidade, porén, canto?, en que grao?; agora, grazas a unha aplicación tecnolóxica desenvolvida polo Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, podemos medir cuantitativamente o grao de felicidade dun suxeito calquera, a partir do recoñecemento automático das súas expresións faciais.
Trátase dun proxecto pioneiro desenvolvido polos enxeñeiros Daniel González Jiménez e Luis Pérez Freire nas instalacións que o Centro ten na Universidade de Vigo, que utiliza múltiples sensores para modelar e comprender comportamentos e estados afectivos e cognitivos humanos como a felicidade, a tristeza, o medo, a sorpresa, o interese ou o aburrimento, entre outras cousas.
Esta tecnoloxía, segundo informan no xornal dixital La Voz de Galicia, “está totalmente finalizada e lista para saír ao mercado” e Gradiat xa está en contacto con varias empresas interesadas en incorporalas en diferentes usos, tanto no mundo da publicidade e o marketing, como da seguridade, o ocio ou mesmo na axuda a colectivos de persoas con algún tipo de discapacidade.

A aplicación na web www.deporfelicidad.com

Aproveitando o recente ascenso do Deportivo da Coruña á máxima categoría do fútbol español, que fixo felices a moitas e moitos seareiros, a aplicación vai ser probada por primeira vez nunha páxina web creada para tal fin, que leva por nome Deporfelicidad.com e que vai permitir usar a tecnoloxía para medir o grao de felicidade da afección polo ascenso do seu equipo.
A iniciativa consiste en enviar fotos da celebración para que o sistema poida cuantificar o sentimento a partir das imaxes recibidas. Todas as persoas que desexen participar poderán facelo durante os vindeiros sete días, enviando as súas fotos de felicidade á dirección de correo electrónica: foto@deporfelicidad.com.
A organización do evento establece tres categorías: unha para as fotos en grupo, outra para as fotos individuais e unha terceira na que se premiarán as fotografías máis divertidas e singulares de todas as recibidas.
As fotografías deberán achegarse en formato .jpg e todas elas serán procesadas polo sistema de Gradiant, porén tan só obterán boa puntuación as que teñan caras ben visibles.

PUBLICIDADE