Uncover, o proxecto europeo para detectar mensaxes ocultas de criminais, celebrou a súa reunión anual en Vigo

mércores, 15 de xuño do 2022 S. P.

Uncover, o proxecto europeo que busca detectar mensaxes e datos ocultos enviados por criminais e terroristas en todo tipo de documento dixital multimedia, celebra esta semana a súa reunión anual en Vigo. Nela avaliando avances, participan axencias de seguridade, centros de investigación, institutos forenses e empresas de nove países europeos. Tamén están presentes nas sesións Fernando Pérez-González e David Vázquez Padín, do Centro de Investigación de Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, AtlantTIC, que é o único grupo académico español que forma parte de Uncover.
O proxecto está composto por 22 socios entre os que se atopan tamén
- pola parte española- a Ertzaintza, o centro tecnolóxico galego Gradiant ou a empresa alacantina Ethical&Legal Plus, responsábel dos aspectos éticos e legais do proxecto; todos eles coordinados pola Real Academia Militar de Bruxelas.
Segundo explican Fernando Pérez e David Vázquez, "estase a desenvolver unha ferramenta na que empregando a Intelixencia Artificial poidamos detectar mensaxes en arquivos multimedia de grupos terroristas ou mesmo de pederastas” que, empregando a técnica da esteganografía, envían comunicacións ocultas imposíbeis de percibir a simple vista.
“As forzas de seguridade dos Estados son as destinatarias das ferramentas nas que estamos a traballar que deberán funcionar no mundo real coa mesma eficacia que o fan nun laboratorio. O obxectivo é que o algoritmo debe estar adestrado para poder analizar calquera disco duro ou comunicación á que teña acceso a policía”, engaden.
Uncover ten un financiamento de 7 millóns de euros en tres anos dentro do programa Horizonte 2020. Tras un ano de traballo, a de Vigo é a segunda reunión presencial á que asisten todos os membros do consorcio.
O Grupo de Procesado de Sinal en Comunicacións, GPSC, do que forman parte os investigadores Fernando Pérez e David Vázquez, posúe unha ampla experiencia na análise forense de arquivos multimedia, de aí que fose un dos grupos de investigación europeos seleccionados das oito universidades europeas e centros de investigación que participan. Froito desta experiencia é Fawrensian, unha ferramenta capaz de verificar un millón de arquivos ao día e “detectar falsificacións tanto en documentos de identidade como tarxetas bancarias, principalmente, en transaccións vía móbil ou web”, sinalan dende AtlantTIC.
O catedrático da Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo, Fernando Pérez, fundou hai 25 anos o Grupo de Procesado de Sinal e Comunicacións cuxa competencia está avalada polos máis de setenta traballos publicados en cabeceiras científicas internacionais e a ducia de patentes internacionais acadadas. En 2021, este grupo recibiu o recoñecemento da Real Academia Galega de Ciencias por un traballo para protexer a información de ordenadores ante un posible ataque cuántico.

PUBLICIDADE