Un total de 37 equipos de novos argalleiros participarán na First LEGO League Galicia

venres, 8 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

Hoxe a Universidade da Coruña deu a coñecer os detalles da First LEGO League Galicia, que se celebra por quinto ano consecutivo no Campus de Ferrol e da man do profesor José Antonio Becerra Permuy. A cita será o sábado 16 de febreiro, no Auditorio Municipal de Ferrol, entre as 08:30 e as 14:30 horas. Nesta edición participan un total de 37 equipos e preto de 300 mozos e mozas de Galicia e Asturias. A xuntanza foi debullada hoxe polo propio profesor Becerra, quen salientou o importante incremento de participantes que vén experimentando o evento con cada edición. Na cita do ano pasado a cifra roldou os 200 mozos e mozas.
Becerra participou ante os medios coa vicerreitora de Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres; o alcalde do Concello de Ferrol, Jorge Suárez; o director do Campus Industrial, Ginés Nicolás; o director da Escola Politécnica Superior, Armando Yáñez; a subdirectora de Infraestruturas e Relacións Exteriores da Escola Universitaria Politécnica, Isabel Fernández Ibáñez, e representantes de entidades e empresas patrocinadoras.
A cita conta co apoio e colaboración de Santander Universidades, a Deputación da Coruña e máis o Concello de Ferrol. Ademais, patrocinan a empresa Gabadi SL, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), GADIS, R, Error Ferrol!, PuntoGal, Neodyn, TodoOcio e Lidl.
Ao remate da FIRST LEGO League Galicia no Auditorio, está previsto que os participantes visiten o Campus de Ferrol e algúns dos seus laboratorios, nunha xornada de portas abertas.
A First LEGO League Galicia é, para quen non o saiba, a convocatoria galega dun programa internacional que desafía a mozos e mozas, de entre 10 e 16 anos, a resolver problemas do mundo real como poden ser a reciclaxe, a educación ou as enerxías renovábeis (resolvendo estes retos, a xente nova desfruta coa ciencia e a tecnoloxía e capacítase para o seu futuro profesional e persoal como son o traballo en equipo, a resolución de problemas e a comunicación).
Segundo lembrou a UDC, a First LEGO é o maior programa internacional para o fomento de vocacións científicas e tecnolóxicas entre os máis novos. De feito, son máis de 450.000 os estudantes de 98 países de todo o mundo quen participan nesta iniciativa.
Os equipos da nosa terra que concorren nesta edición na First LEGO League Galicia, son os seguintes: Destiny Moon Pobra (ANPA Cadreche - CEP Pilar Maestru Sierra, A Pobra do Caramiñal, A Coruña), MEGA SPACE TEAM (MEGA Ribeira, de Ribeira, A Coruña), Montecastelo Little (Colexio de Fomento Montecastelo,Vigo, Pontevedra), Las Acacias BOT (Colexio de Fomento Las Acacias, Vigo, Pontevedra), RECIBÓTICA (CEIP Recimil, Ferrol, A Coruña), Palacio de Granda (Colexio ISP Laude Palacio de Granda, Siero, Asturias), OS CONSTRUCTORES (IES Virxe do Mar, Noia, A Coruña), Montebots Infinity (Colexio de Fomento Montespiño, Culleredo, A Coruña), CASANOVASQUAD (CLUB DE CIENCIA do IES Sofía Casanova, Ferrol, A Coruña), Green Galactics (Colexio de Fomento Peñarredonda, A Coruña), Robot-bois (IES Catabois, Ferrol, A Coruña), Captioma (CAPTIOMA GALICIA SL, Ourense), V.I.D.A. (Colexio Internacional Eirís, A Coruña), THE ROBOTERS (Colexio Guillelme Brown, Pereiro de Aguiar, Ourense), ASTROKIDS (Colexio Guillelme Brown, Pereiro de Aguiar, Ourense), e-Makers Lab (Espacio Vivo, Ferrol, A Coruña), Robolvello (IES Ferrol Vello, Ferrol, A Coruña), Star bots (IES Ortigueira, Ortigueira, A Coruña), EMOTIONAL TRICKS (CPI A Xunqueira, Fene, A Coruña), Xunquinautas (CPI A Xunqueira, Fene, A Coruña), AnonymousBot (IES Fene, Fene, A Coruña), C3Club (IES Ricardo Carballo Calero, Ferrol, A Coruña), FROUXIMAKERS (CPI de Atios, Valdoviño, A Coruña), MarBOT (Colexio Maristas Santa María, Ourense).
Na modalidade Junior estes son os equipos: Destiny Moon Pobra Junior (NPA Cadreche - CEP Pilar Maestru Sierra, A Pobra do Caramiñal, A Coruña), MEGA SPACE TEAM JR (MEGA Ribeira, Ribeira A Coruña), Base Mission Moon Marín Sequelo – BMMMS (CEP Sequelo, Marín, Pontevedra), Los Selenitas (Mi Familia, Vigo, Pontevedra), Captioma (Captioma Galicia SL, Ourense), Robóticos Espaciales (Colexio Internacional Eirís, A Coruña), The Lunatics (Colexio Guillelme Brown, Pereiro de Aguiar, Ourense), Stelar Patrol (Colexio Guillelme Brown, Pereiro de Aguiar, Ourense), Los Resplandores Celestes (Colexio Guillelme Brown, Pereiro de Aguiar, Ourense), Selenitas (Colexio Guillelme Brown, Pereiro de Aguiar, Ourense), Lego Cohetes (Universidade da Coruña), Las 4 Galácticas (Universidade da Coruña) e Frouximakers Jr (CPI de Atios, Valdoviño, A Coruña).
Quen desexe máis información sobre a competición pode visitar a web http://firstlegoleague.gal/.

PUBLICIDADE