Un spammer holandés sancionado por enviar 9.000 millóns de correos lixo

venres, 9 de marzo do 2007 Raquel Noya

75.000 euros foi a cantidade que a Comisión do OPTA, o organismo que regula a competencia dos mercados postais e de telecomunicacións en Holanda, lle impuxo a un spammer por enviar a nada desprezable cifra de 9.000 millóns de mensaxes de correo lixo, é dicir, correo non solicitado, nos que se promovían pílulas para a erección, sitios pornográficos e produtos de carácter sexual (coma case tódolos correos lixo que colapsan as contas de millóns de internautas). O negocio reportáralle ó individuo uns beneficios de máis de 40.000 euros, que terá que devolver xunto con outros 35.000 máis, que abondan para pagar a multa máis alta que o OPTA impuxo na súa historia por este tipo de delitos.
Ó longo da investigación, o organismo holandés empregou información facilitada por Microsoft, logo de que esta recibira en abril de 2005 unha mensaxe de correo lixo procedente do sancionado. Para determinar a contía da multa, o OPTA tivo en conta diversos factores como o excesivo número de mensaxes enviados (un agravante en toda regra), o feito de que esa persoa empregara centos dos denominados proxies e que ocultara a súa verdadeira identidade empregando ordenadores de usuarios confiados como bases para enviar o correo non desexado polos receptores.
Para enviar tal cantidade de correo lixo, o spammer empregou listaxes de correos de orixe descoñecido así como o denominado “dictionary attack”, unha técnica que emprega un software para localizar contrasinais e que neste caso usaba para xerar enderezos de correo electrónico por medio de combinacións aleatorias de números e letras.

PUBLICIDADE