Un sistema español de realidade virtual permite distraer aos doentes durante as intervencións

xoves, 30 de agosto do 2012 Raquel Noya

Son moitas as investigacións que demostran que o medo á dor aumenta considerablemente a sensibilidade ao mesmo, e de feito, o medo ao dentista non só é unha das principais causas de sufrir dor durante a intervención, senón tamén que é “o factor máis influínte na calidade de vida relacionada coa saúde dental”, segundo un informe publicado en BMC Oral Health no pasado xuño.
Porén, esta e outras fobias similares poderían verse atalladas cun sistema de realidade virtual deseñado aquí en España, que leva por nome Isla Calma, e que permite distraer ao doente mentres este se somete a unha intervención ou cirurxía menor.
Trátase dunha aplicación tecnolóxica desenvolvida pola empresa española Nesplora, que aproveita as vantaxes da realidade virtual para que, a través dunhas lentes 3D, o doente se poida somerxer nun escenario relaxante e interactuar con el, esquecendo así a dor ou a fobia á intervención.
O sistema ten a súa principal aplicación nas consultas dentais, onde as persoas con aversión ao dentista ou que prefiren distraerse mentres se realiza o procedemento poden somerxerse neste escenario virtual e estar máis distraídas, porén tamén é útil para unidades onde se realizan procedementos molestos ou dolorosos, como as biopsias, ou de tratamentos crónicos como as infusións de medicamento ou as diálises.
Segundo Unai Díaz, psicólogo de Nesplora que participou no desenvolvemento de Isla Calma, “os estudos nos que se basea esta aplicación mostran que os pacientes teñen menos náuseas, presión arterial máis baixa e piden menos analxésicos tras o tratamento se se conectan ao dispositivo virtual”, afirma.
A aplicación, que conta cun programa de ata tres horas de duración, pode interromperse e reanudarse en calquera momento, e conta con 8 escenarios diferentes nos que se desenvolve a acción: dende un xardín xaponés cun estanque de carpas, ata un mar calmo ou unha colonia de tartarugas.
As gafas permiten illar á persoa por completo ou deixarlle ver o que pasa ó seu redor mentres xoga ou interactúa en cada entorno, mentres que a música, a paisaxe e os animais axudan a que o doente estea máis relaxado durante a intervención, permitíndolle aos profesionais desenvolver o seu traballo de xeito efectivo.

PUBLICIDADE