Un single de The Black Eyed Peas consegue 1 millón de descargas no Reino Unido

mércores, 23 de xuño do 2010 Marcus Fernández

Conseguir un disco de ouro ou de platino era un dos obxectivos de moitos cantantes no pasado, pero agora as vendas de discos de vinilo ou CD teñen pouca relevancia, e as descargas a través do móbil ou da Internet xogan un papel moito máis importante á hora de medir o éxito musical, e coma exemplo temos ao grupo The Black Eyed Peas, que vén de facer historia no Reino Unido co seu tema I Gotta Feeling, que é o primeiro single en superar o millón de descargas dende o seu lanzamento o 8 de xuño de 2009.
No Reino Unido as descargas computan nas listaxes de vendas de singles dende abril de 2005 sempre que tamén estea dispoñible en soporte físico, aínda que en 2006 tiveron que modificar o criterio para permitir a contabilidade de temas só dispoñibles baixo descarga, o que levou á canción Crazy de Gnarls Barkley a converterse no primeiro número 1 en vendas que non estaba dispoñible en soporte físico, o que abriu a porta á situación actual, na que o 98% das vendas de singles corresponden ás descargas.

PUBLICIDADE