Un simposio internacional debullará en Pontevedra a transformación dos medios en metamedios

xoves, 5 de novembro do 2015 Redacción

A finais do mes de novembro, os días 27 e 28, celébrase no Campus de Pontevedra unha actividade destinada a afondar polo miúdo nos cambios que as novas tecnoloxías están a provocar no tecido comunicativo actual. Trátase do Simposio Internacional sobre Xestión da Comunicación, que se vai desenvolver na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e que xuntará, neste mesmo recinto, preto dun cento de investigadores e investigadoras de diferentes países. As xornadas veñen da man da Rede Internacional de Investigación en Xestión da Comunicación (XESCOM), que coordina o grupo Novos Medios da Universidade de Santiago e da que forman parte os grupos de investigación Necom e Mile da Universidade de Vigo, e iMarka, da Universidade da Coruña.
O simposio internacional contará entre os seus conferenciantes con expertos como o profesor da universidade británica de Hulll Raphael Cohen, a investigadora da Pontificia Universidade Católica de Ibarra en Ecuador Alba Silva, o vicerreitor da Universidade de Beira Interior lusa João Canavilhas ou o director do Media Intelligence Service da Unión Europea de Radiodifusión, Roberto Suárez.
Dos medios aos metamedios é o título deste simposio no que se combinarán a presentación de traballos de investigación cunha serie de relatorios e mesas de debate, abertas ao público, nas que participarán expertos e profesionais de recoñecido prestixio. Segundo fai saber a organización das xornadas, a idea dos metamedios é un concepto que busca expresar o que hai alén dos medios tradicionais, aqueles ligados ás TIC. Polo tanto, o congreso diríxese en boa medida a amosar o presente e o futuro destes novos espazos de comunicación, pero tentando en todo intre que “a temática sexa do máis ampla e variada posíbel”. As xornadas abranguerán o papel dos medios como actores económicos e industriais e, tamén, a transformación tecnolóxica que está experimentando o ecosistema mediático e a propia comunicación das organizacións corporativas e institucionais.
O simposio da rede XESCOM, proxecto de investigación financiado pola Consellería de Cultura e Educación e coordinado polo profesor da USC Francisco Campos, artéllase en torno a dez eixos temáticos. Neles agrúpanse as preto de 100 comunicacións que ao longo destas dúas xornadas exporán no campus investigadores e investigadoras de España, Portugal, Italia ou Brasil, e que abranguen dende a mercadotecnia, a comunicación corporativa e institucional ou a comunicación política e a publicidade, á situación do xornalismo nun “ecosistema multiplataforma e multipantalla” ou o papel que xogan as redes sociais.

PUBLICIDADE