Un servizo permite a descarga remota de ficheiros da rede BitTorrent

xoves, 14 de xuño do 2007 Marcus Fernández

A proliferación das redes P2P resulta allea a moitos usuarios da Internet que se conectan de xeito restrinxido (no traballo, no seu centro de estudos, con operadores que establecen certas limitacións...) polo que a descarga de certos contidos da Rede resulta moito máis complexa do desexable, de aí que nazan servizos coma Furk.net, que permite a descarga remota de ficheiros de BitTorrent para a súa posterior descarga dende unha conexións web ordinaria.
O servizo permite o uso de balde con moitas limitacións, mentres que os usuarios que paguen 9,90 euros/mes (ou 24 euros/trimestre) poderán empregar tal mecanismo como plataforma de descarga dunha das redes P2P máis populares coa vantaxe de que estas descargas están desatendidas (o usuario non ten que ter un ordenador acendido todo o día para completar os ficheiros).
O sistema de Furk permite ós seus usuarios a carga de ficheiros con extensión .torrent para que se descarguen os ficheiros que queremos (programas, vídeos, etc.) e o sistema avisará por correo electrónico cando a descarga remota remate, momento no que o usuario poderá efectuar unha descarga web directa.
Dende a web anuncian que os usuarios de pago poden descargar tódolos ficheiros que queiran cunha capacidade ilimitada (eliminando os ficheiros que non se descarguen en 30 días) e agardan que os seus usuarios sexan respectuosos co copyright.

PUBLICIDADE