Un proxecto para inspeccionar grandes infraestruturas con UAV imponse na edición galega dos Galileo Master
venres, 11 de decembro do 2020
A
edición galega deste
ano dos Premios Galileo Master, galardóns internacionais
convocados pola Axencia Europea GNSS e a Axencia Espacial Europea
para distinguir e enxalzar os mellores servizos e negocios que
empregan a navegación por satélite para aplicacións na vida cotiá,
recoñeceu este ano as contribucións de Contact-Drone, unha idea de
negocio para inspeccionar grandes infraestruturas baseada en
tecnoloxías de navegación por satélite. Foi desenvolvida por un
equipo da escola de Enxeñaría Aeronáutica da UVigo.
Xa
que nesta edición, polas restricións derivadas da pandemia, os
gañadores da convocatoria galega dos premios non puideron asistir á
cerimonia internacional de entrega de galardóns (os coñecidos como
“Oscar do Espazo”) na mañá deste venres 11 celebrouse nas
instalacións da Zona Franca, en Bouzas (Vigo), un acto institucional
coa presenza do reitor da UVigo, Manuel Reigosa e do delegado da Zona
Franca, David Regades.
Tamén
participaron os integrantes do equipo distinguido: Higinio González
Jorge, profesor titular da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do
Espazo; Luis Miguel González de Santos, investigador predoutoral da
Universidade de Vigo e Joaquín Martínez Sánchez, profesor asociado
na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía.
Este
é o sexto ano que, da man da Universidade de Vigo e a Zona Franca,
Galicia participa neste concurso, promovido pola Axencia Europea
GNSS, a Axencia Espacial Europea, o Centro Aeroespacial Alemán e o
Ministerio Federal Alemán de Transporte e Infraestruturas Dixitais.
Desde o seu inicio en 2004 estes premios medraron até converterse
nunha rede mundial de innovación e coñecemento con 18 rexións
europeas asociadas e máis de 200 expertos industriais e científicos
de todo o mundo.
Desde
a UVigo e a Zona Franca búscase “animar a investigadores e centros
tecnolóxicos a que presenten cada ano novas ideas que poden optar
simultaneamente a un premio rexional e a un premio internacional e
potenciar un sector estratéxico no que Galicia debe estar presente”.
Polo
que respecta ao proxecto Contact-Drone, consiste no deseño dunha
carga útil intelixente que permite ao UAV (vehículo aéreo non
tripulado) realizar tarefas de inspección de contacto en grandes
estruturas “cunha tecnoloxía disruptiva que pode revolucionar o
sector da inspección industrial a gran escala xa que evita os riscos
durante as inspeccións e mellora a eficiencia económica”,
explicaron os seus desenvolvedores.
O
xurado elixiu a esta idea de negocio baseada nos servizos do satélite
europeo Galileo porque Contact-Drone “amplía o eido de aplicación
das tecnoloxías de navegación ao sector da construción, un sector
económico importante en Galicia”. Este feito, xunto co
desenvolvemento dun produto innovador que promoverá “novos
empregos de alto valor engadido”, foi crucial para a elección de
Contact-Drone como gañador galego deste ano.
O
ano pasado, como lembraremos, resultou
gañadora a iniciativa CX-Geodron.