Un proxecto galego para reducir a fenda dixital na educación, entre os gañadores do Reto Fuller

martes, 15 de decembro do 2020 S. P.

Finalmente houbo presenza galega nas propostas gañadoras do Reto Educativo Fuller, que convocou contribucións transformadoras da nosa mocidade aliñadas aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel e con capacidade para dar resposta aos desafíos da sociedade actual, coa tecnoloxía “como panca de cambio”. O proxecto Globed liderado pola moza compostelá Paula Lamas Rodríguez, de 18 anos, foi un dos gañadores do certame, seleccionado “pola súa proposta para mellorar o acceso á educación dixital e reducir a fenda que separa as persoas que contan con recursos, conectividade e formación tecnolóxica das que non os teñen”.
O concurso veu da man da Fundación Telefónica e a ONG internacional Ashoka, sendo o seu obxectivo dar visibilidade ás ideas transformadoras de mozas, de entre 12 e 18 anos, aliñadas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) impulsados pola ONU.
Tras 9 meses de andaina e 184 candidaturas presentadas de 14 Comunidades Autónomas a iniciativa chegou ao seu remate coa escolma dos 10 proxectos finalmente gañadores, entre os que se atopan aplicacións de navegación a través da roupa, sistemas de para potabilizar a auga e purificar o aire ou melloras na accesibilidade das persoas cegas ou con visibilidade reducida, entre outras contribucións.
Unha das iniciativas gañadoras foi Globed, liderada pola moza compostelá Paula Lamas Rodríguez, de 18 anos, e ideada xunto a Clara Pantín Carro e Nalú Rodríguez Cabrera para “mellorar o acceso á educación dixital e reducir así a brecha que existe actualmente a través dun libro conectado para intercambiar coñecementos con estudantes de todo o mundo”.
Os premios consisten na produción dun vídeo profesional de cada un dos proxectos, así como a participación no Laboratorio Curiosidade Radical, un conxunto de actividades relacionadas coa educación, a innovación e a tecnoloxía.
Por unanimidade, o fallo do dez gañadores foi para os seguintes proxectos:
· Purify My Water (Madrid): deseño e construción dun sistema de potabilización de auga de baixo custo, sen químicos nin materiais que requiran ser substituídos de continuo e que obteña a enerxía autónoma, utilizando enerxía solar.
· Alga Chorella Vulgaria (Biscaia): deseño de biorreactores compostos por auga e algas mariñas para purificar o aire, cunha absorción de CO2 400 veces maior que unha árbore. O argazo empregado reutilízanse para a industria cosmética.
· Globed (Santiago de Compostela): un libro conectado que une a estudantes de todo o mundo para intercambiar cultura e coñecementos a través de webcam, micrófono, altofalantes, proxector e cargador con placas solares. Dirixido a millóns de nenos que non teñen acceso á educación para que poidan conectarse con outros.
· Proton Smart Clothing (Barcelona): dispositivo electrónico integrado, conectado a Google Maps, que proporciona indicacións de navegación a través de vibracións na roupa, o que facilita un desprazamento máis autónomo.
· Blind Buy (Madrid): un carro-guía deseñado para realizar un mapa do supermercado cun sensor LiDAR. O usuario recibe instrucións precisas para atopar cada produto a través duns auriculares sen fíos.
· Stain (Madrid): propón a produción de tintas naturais e bio sustentaábeis por medio de innovadoras técnicas de tecnoloxía sintética. Preténdese producir pigmentos obtidos a partir da modificación xenética de bacterias E.coli.
· Entredades (Córdoba): unha aplicación na que entran en contacto persoas maiores, novas e adultas a través de trocos de servizos, xerando unha situación de aprendizaxe entre diferentes xeracións.
· Salud Torvis (Badaxoz): O proxecto pretende mellorar a saúde dos 550 cidadáns do Torviscal, núcleo situado nunha zona eminentemente agrícola, optimizando os recursos materiais e persoais a través de “mini proxectos”, como rutas verdes, uso de parques, etc.
· Join Us 4 The Planet (Valladolid): plataforma formada por unha rede social, un xestor de contidos e accións que pretenden mobilizar a toda a sociedade ao redor de temas ambientais e á contaminación, para que calquera usuario poida promover activamente unha maior concienciación sobre o problema, solucións ou ser voluntario en diferentes iniciativas.
· Parques Integradores (A Rioxa): proxecto que propón dar un paso máis á accesibilidade dos parques infantís e conseguir parques integradores, onde os nenos con mobilidade reducida poidan compartir xogos con outros nenos. Un deseño conceptual de parque inclusivo, con atraccións adaptadas para o xogo de todos os nenos.

PUBLICIDADE