Un proxecto europeo busca usar a tecnoloxía RFID para velar pola seguridade alimentaria

mércores, 7 de setembro do 2011 Marcus Fernández

Participantes no proxecto RFID From Farm to Fork xuntáronse hoxe en Vigo

A trazabilidade dos alimentos é fundamental para garantir a saúde alimentaria, especialmente ao xurdir crises cada vez máis frecuentes, e para contribuír en tal tarefa tamén temos solucións tecnolóxicas como a identificación por radiofrecuencia, promovida polo proxecto RFID From Farm to Fork (da granxa ao garfo), que traballa na creación dunha base de datos europea á que poderán acceder os compradores a través do seu móbil con só achegalo aos produtos. Nesta iniciativa participan 10 organismos de 4 países, que están a desenvolver experiencia piloto e que hoxe xuntáronse na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo para pór en común os resultados e avanzar nas estratexias futuras.
Como exemplo galego da aplicación da tecnoloxía RFID o Grupo de Sistemas de Radio da Universidade de Vigo, dirixido polo profesor Íñigo Cuíñas, ten instaladas antenas e sensores de radiofrecuencia na adega Viña Costeira de Ribadavia (que destaca polo uso da tecnoloxía como recolleu nos pasados días Enrique Dans no seu blog), mentres que outros grupos centran o seu estudo en empresas cárnicas, piscifactorías ou queixarías.

A directora da Escola de Exeñaría de Telecomunicación, Edita de Lorenzo, deu a benvida ao participantes na xuntanza

PUBLICIDADE