Un programa informático permitiralles ós invidentes ler a información contida nos displays

venres, 22 de decembro do 2006 Raquel Noya

Displays (dispositivos dos aparellos electrónicos que amosan información) tan habituais na vida cotiá como os que veñen incluídos nos microondas, nas lavadoras, nos reloxos, nos carteis comerciais ou na información do transporte, van camiño de deixar de ser atrancos para as persoas invidentes e volver á función para a que foron deseñados: a de axudar.
Grazas a un programa informático, desenvolvido pola compañía Robotiker Tecnalia (con sede en Euskadi), as persoas cegas e deficientes visuais poderán ler os datos contidos nos devanditos displays a través dun dispositivo móbil “pioneiro en Europa”, segundo subliña a empresa.
Por certo que o proxecto vén de gañar a cuarta edición do Premio Internacional de I+D en Novas Tecnoloxías para Cegos e Deficientes Visuais da ONCE, un concurso que ten por obxecto distinguir e recompensar aquelas investigacións que melloren a calidade de vida, a igualdade de oportunidades e o proceso de integración laboral dos invidentes e deficientes visuais.
O proxecto devandito, recoñecido cunha suma de 240.000 euros, é unha ferramenta (segundo sinalou o xurado do certame) de gran utilidade, dada a abundancia deste tipo de dispositivos de información en tódolos ámbitos da vida cotiá e que limitan a capacidade dos afectados pola cegueira, e que agora teñen unha oportunidade máis para superar estas barreiras e limitacións impostas polos fabricantes.

PUBLICIDADE