Un par de irmáns napolitanos conseguen rexistrar mundialmente a marca Steve Jobs

xoves, 28 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Imaxe dos irmáns Barbato publicada por Business Insider

A prensa italiana está a informar estes días da vitoria legal fronte a Apple dun par de irmáns, Vincenzo e Giacomo Barbato, que tiveron a grande idea de fundar unha marca de roupa chamada Steve Jobs ao seren conscientes de que a compañía da mazá non tiña rexistrado como marca o nome dun dos seus fundadores.
Os irmáns Barbato levaban anos creando produtos para outras marcas, pero pensaron que Steve Jobs podería ser un nome perfecto para unha nova, pese a ter que loitar por ela nos tribunais dende 2012. Dado que Apple non tiña a marca Steve Jobs, atacou ao seu logotipo, unha letra J trabada como a mazá de Apple e cunha folla no canto do seu punto, pero para os organismos da Unión Europea xa resultaba claro en agosto de 2014 que unha letra non é unha froita, polo que rexeitaron a oposición de Apple ao rexistro da marca Steve Jobs.
Grazas a iso, agora en Napoles hai unha marca que fai pantalóns vaqueiros, camisetas, bolsas e accesorios de moda, que en 2014 conseguiu facerse co rexistro de marca a nivel europeo, pero que realmente xa a teñen a nivel mundial, e incluso pretenden entrar no sector dos produtos de electrónica de consumo da man dun fabricante chinés, algo que podería resultar moi polémico e incluso ocasionar prexuízos a Apple no caso de que, por exemplo, chegasen ao mercado smartphones coa marca Steve Jobs que funcionasen con Android.

PUBLICIDADE