Un nutrido grupo de enxeñeiros galegos en informática participará no curso de eAdministración da EGAP

xoves, 18 de febreiro do 2010 Fernando Sarasketa

Fernando Suárez, presidente do CPEIG, tamén estará presente no curso

A Escola Galega de Administración Pública vai dar acubillo o vindeiro día 26 ao Curso Superior de Administración Electrónica, unha actividade formativa que, como o seu propio nome indica, diríxese a ampliar cara a un nivel alto de coñecemento a capacidade de adaptación aos novos contornos dixitais do noso funcionariado. O curso contará entre outros apoios co labor de asesoramento e divulgación do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), que estará representado na actividade formativa polo seu presidente, Fernando Suárez, e por un bo número de integrantes-relatores. Segundo informa o Colexio, os integrantes do mesmo intervirán activamente nos módulos I e II, dedicados ao Fundamento de Tecnoloxías e Sistemas de Información, e Informática e Dereito, respectivamente.
Máis polo miúdo, o CPEIG achega os seguintes docentes para o desenvolvemento das ditas materias: Juan Otero Pombo, Jesús Rodríguez Castro, Antón Campos Silva, Juan Antonio Valiño García, Miguel Ángel Molinero Álvarez e Miguel Ángel Otero, á parte do devandito Suárez Lorenzo.
O Curso Superior de Administración Electrónica desenvolverase na EGAP os martes e xoves, das 17.00 ás 20.00 horas, ata o 15 de xullo. Precisamente este venres día 19 remata o prazo de inscrición para poder asistir á actividade. As persoas interesadas nesta actividade poden achar máis información na web da escola pública.

PUBLICIDADE