Un novo Real Decreto busca facilitar a convivencia entre Uber e Cabify e o sector do taxi

venres, 29 de decembro do 2017 Marcus Fernández

O Consello de Ministros aprobou hoxe o Real Decreto polo que se establecen normas complementarias ao Regulamento da Lei de Ordenación dos Transportes Terrestres, Real Decreto 1211/1990, en relación coa explotación das autorizacións de arrendamento de vehículos con condutor co que búscase mellorar o regulamento no sector do aluguer de vehículos con condutor (VTC) (no que actualmente se encadran plataformas como Uber ou Cabify) e asegurar así a súa convivencia ordenada co do taxi.
A través deste Real Decreto impediranse as prácticas especulativas daqueles que solicitasen licenzas de VTC con obxecto unicamente de lucrarse coa súa inmediata revenda, sen intención de operalas. Para iso, introdúcese unha disposición que impide a transmisión de autorizacións durante un límite temporal de dous anos desde o seu outorgamento orixinal.
O Real Decreto tamén incluirá a creación dun rexistro único a nivel estatal ao que deberán comunicarse os servizos de VTC con carácter previo á súa realización para reforzar as garantías na esixencia da contratación previa do servizo de aluguer de vehículos con condutor (facilitando o labor dos servizos de inspección) e poderase controlar de maneira eficaz que o número de servizos realizados fóra da comunidade autónoma na que se ten licenza non supere ao 20% dos realizados.
Trátase, en definitiva, de garantir que os vehículos con autorización VTC sexan precontratados, evitando a captación de viaxeiros circulando polas vías públicas ou mentres están estacionados nos lugares de concentración e xeración de demanda destes servizos como son os portos, os aeroportos ou as estacións ferroviarias. Tamén permitirá garantir o cumprimento do criterio de habitualidade na prestación de servizos.
Por último, este Real Decreto impón que os vehículos para adscribir a novas autorizacións VTC, aínda que estas fosen obtidas mediante sentenza, deben cumprir os requisitos vixentes neste momento, con independencia dos que estivesen vixentes no momento en que se realizou a solicitude orixinal da correspondente autorización, co fin de garantir unha calidade na prestación destes servizos.

PUBLICIDADE