Un novo Código de Conduta protexe ao consumidor dos SMS Premium e as liñas 906

martes, 30 de xuño do 2009 Raquel Noya

Nos últimos tempos, tan ligados á aparición de teléfonos móbiles cada vez máis modernos e con máis ferramentas ás que se accede vía Internet, veñen proliferando en gran medida os servizos de contidos á carta a través deste medio, mediante os denominados SMS Premium, aos que se accede normalmente mediante a marcación dun número curto e permiten tanto a descarga de contidos (xogos, vídeos, polítonos) coma a participación en concursos, sorteos e programas de radio e televisión. Asemade, tamén se estendeu a utilización nos medios de comunicación de liñas 905 para propiciar a participación do público en concursos, sorteos e votacións organizados por programas de televisión, algo que, en moitos casos, chegou a xerar facturas desorbitadas en moitas familias que non tiñan demasiados medios para chegar ben a fin de mes.
Pero isto, lonxe de ir a máis como poderiamos pensar nun primeiro momento, semella que vai chegar á súa fin, xa que a Comisión de Supervisión dos Servizos de Tarificación Adicional vén de aprobar hoxe os Códigos de Conduta dos servizos SMS Premium e liñas 905, cumplindo así coa normativa reguladora dos dereitos dos usuarios de telecomunicacións, que prevé a sumisións destes servizos, como servizos de tarificación adicional, a Códigos de Conduta.
Nesta Comisión están representados, ademais da Administración do Estado, as asociacións de consumidores, os operadores de telecomunicacións e os prestadores de servizos, os cales aceptaron con todas as da lei que o Código de Conduta dos servizos SMS Premium sexa de obridado cumprimento para todas as empresas que presten este tipo de servizos.
O Código aprobado hoxe contén regulación en torno aos seguintes aspectos e na maneira que segue:
-A publicidade dos servizos. Toda forma de publicidade deberá incluír o prezo do servizo, así como a identificación do seu responsable. O Código garante o carácter "lexible" da publicidade: a información deberá figurar en carácteres estáticos e axeitados para a súa perfecta visualización.
-Mensaxes SMS informativas para o usuario. Cando un usuario solicite un destes servizos, o prestador estará obrigado a enviarlle un SMS no que o informe do seu prezo e da identificación da empresa responsable. Se se trata de servizos de prezo superior a 1,20 euros (de subscrición ou para adultos), esta mensaxe informativa será previa á contratación, co que só se o usuario o acepta expresamente poderá prestarse o servizo.
-Normas para a especial protección dos menores. Establécense horarios específicos para a publicidade e o funcionamento de servizos dirixidos a menores.
Así mesmo, establécense uns horarios determinados en servizos dirixidos a adultos, en liña coa regulación dos espazos televisivos.
Regúlanse tamén as publicacións nas que pode aparecer publicidade de servizos para menores ou para adultos.
-Normas específicas para concursos.
Os concursos deberán contar coas correspondentes bases depositadas ante notario.
Se un voto ou unha participación dun concursante se recibe fora de horario, só se lle poderá facturar o importe dun SMS de texto, sen a parte de tarificación adicional correspondente ao feito de votar.
Nos programas de televisión, mentres que se anuncie o número telefónico para participar, deberá figurar na pantalla en todo momento o seu prezo ademais da identificación do prestador de servizo.
-Normas específicas para servizos de subscrición.
O Código regula a terminoloxía para contratar e cancelar estes servizos.
A contratación realizarase só mediante a palabra ALTA, que non poderá usarse para outros servizos.
Para cancelar a subscrición abondará coa palabra BAIXA. Ademais, estará prohíbido que a empresa continúe coa subscrición se recibiu esa mensaxe.
Este Código entrará en vigor unha vez transcorridos catro meses dende a súa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE).
Números 905
Por outra banda, esta Comisión tamén vén de regular a sumisión a un Código de Conduta dos programas que empregan números 905, mediante a modificación do Código vixente na actualidade, referido aos servizos de voz que se prestan a través dos prefizos 803, 806 e 807.
Dende agora, estes concursos veranse na obriga de cumprir coa normativa sobre publicidade do Código que, entre outras cousas, establece que deberá figurar sempre, e en carácteres estáticos, o prezo e o prestador do servizo.
Ademais, nos concursos que consistan na participación do público a través de chamadas a un número 905 será obrigatorio que apareza un rótulo informativo sobre o número de chamadas recibidas nos últimos dez minutos. Deste xeito, o usuario estará informado sobre o número de participantes e as súas posibilidades de acceder ao programa en todo momento.
Finalmente, prohíbese a utilización de números con tarificación adicional (a través de calquera dos prefixos que se utilizan) para os servizos de atención ao cliente ou postvenda, vinculados á adquisición de bens ou servizos.
Este Código, pola súa banda, entrará en vigor tres meses despois de que a Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT) asigne os novos números 905.

Incumprimento do Código
O eventual incumprimento das obrigas do devandito Código de Conduta poderá denunciarse sempre. En caso de que se constate que houbo incumprimento por parte do prestador do servizo, a este retiraráselle o número co que cometese a infracción. A vixilancia do control do cumprimento do Código corresponde á Comisión de Supervisión de Servizos de Tarificación Adicional.

PUBLICIDADE