Un millón de euros para apoiar iniciativas de promoción TIC sen arela de lucro

xoves, 31 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

A primeira edición do Congreso de TADEGA para a promoción das redes sen atrancos para todas e todos os cidadáns

Arredor dun millón de euros será a contía designada pola Secretaría Xeral de Modernización para apoiar e garantir no futuro inmediato o traballo de divulgación tecnolóxico-dixital que se despregue na nosa terra sen arela de beneficio económico. As axudas, achegadas en réxime de concorrencia competitiva, irán dirixidas a afianzar o desenvolvemento das actividades de difusión TIC de todo tipo de fundacións, corporacións, asociacións ou ONGs. A resolución das subvencións, que se pode ver no Diario Oficial de Galicia deste 31 de marzo, abrangue axudas a eventos de promoción e difusión de redes e demais recursos tecnoloxico-dixitais (xornadas, sesións de demostración práctica do uso de Internet, relatorios ou congresos de profesionais ligados á difusión das novas tecnoloxías).
Asemade, contempla axudas para a adquisición dos equipos informáticos precisos para o impulso da Sociedade do Coñecemento nas entidades de interese social e sen arela de lucro inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, da Consellería de Traballo e Benestar. Estas subvencións están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, FEDER, ficando o prazo aberto para as solicitudes a partir de mañá, pudendo levarse a cabo no Rexistro Electrónico da Xunta.
Segundo engade Modernización, estes apoios orzamentarios “súmanse á liña de subvencións publicada o martes 28 na que se establecían as bases destinadas a subvencionar a incentivar a creación de novos proxectos do sector TIC galego por un importe de 2.600.000 euros”.

PUBLICIDADE