Un milleiro de residencias e empresas de Ortigueira súmanse á rede ultrarrápida de R

mércores, 24 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

O concello coruñés de Ortigueira vénse de sumar á rede de municipios galegos que gozan das redes ultrarrápidas de Internet a través de fibra óptica que subministra a compañía R: o tecido de concellos e poboacións que contan xa cos avanzados equipamentos de FTTH (Fiber To The Home) da operadora galega. O fornecemento desta infraestrutura en Ortigueira implica a dispoñibilidade de accesos de nova xeración (con servizos avanzados de teléfono, Internet de alta velocidade con 500 Mbps simétricos e televisión dixital multicanle de R) para un milleiro de fogares e empresas da vila costeira e a súa contorna. A esta cifra cumprirá engadir outras 160 unidades, entre negocios e entre residencias particulares, cando se complete o despregue da rede de R ao remate deste mes de xullo.
Segundo explica a compañía galega de cable, os traballos realizados no concello tentaron tirar o máximo proveito das infraestruturas previamente existentes nas dúas localidades.
O fornecemento de fibra no devandito concello abéiranse ao Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Economía e Empresa, do que R foi adxudicataria en 2016 para despregar FTTH (fibra até o edificio) nas chamadas “zonas brancas”, é dicir, as que nunca dispuxeran de accesos de alta velocidade até este momento.
Xunto co da provincia da Coruña, o operador galego conseguiu tamén a adxudicación doutros dous proxectos; un, para as provincias de Lugo e Ourense e outro para a de Pontevedra. En total, os tres proxectos supoñen un investimento de preto de 8 millóns de euros, dos que 4,3 son subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea, a través do Programa de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración (PEBA-Plan Avanza) do Ministerio de Economía e Empresa. Só na provincia de Coruña o investimento total rolda os 3,8 millóns de euros, dos cales 2,1 proceden dos fondos europeos.
R engadiu que cando se completen os traballos de despregue nas catro provincias galegas, arredor de 33.000 fogares e empresas destas “zonas brancas” formarán parte do millón longo de fogares e negocios que a día de hoxe están en disposición de recibir os servizos avanzados de R en Galicia.

PUBLICIDADE