Un mapa permítenos seguir a crise de Ucraína en base a chíos

xoves, 24 de febreiro do 2022 Marcus Fernández

En momentos de crise é difícil conseguir información fiable e contrastada, de aí que xurdan iniciativas como o Centro para a Resilencia da Información, que estes días artellou un práctico e moi ilustrativo mapa para facer un seguimento do conflito entre Rusia e Ucraína.
Tirando proveito do crowdsouring, ou sexa, da colaboración masiva, o mapa rexistra información xeolocalizada, para a súa verificación e documentación, facilitando así que poidamos facer un balance da situación en base a publicacións realizadas en Twitter, de xeito que cada incidencia pode consultarse dende a súa fonte orixinal.
Neste impresionante mapa podemos ver os movementos militares dos últimos dous meses; fotografías e vídeos que constatan danos, bombardeos e enfrontamentos armados; imaxes de satélite que confirman a existencia de campamentos militares e hospitais de campaña; e outros detalles que permiten que vexamos o conflito entre Rusia e Ucraína case en tempo real, grazas a achegas cidadás e de profesionais da información, que tamén axudan a peneirar a información que chega pouco a pouco.

No mapa en liña podemos ver chíos xeolocalizados que dan conta do conflito bélico

PUBLICIDADE