Un libro sobre turismo e comunicación 2.0 subliña a falta de estratexia nas redes sociais

luns, 21 de novembro do 2016 Redacción

A investigadora Mabel Míguez da Universidade de Vigo

Segundo daba conta a Universidade de Vigo (UVigo) o pasado venres, as profesionais e os profesionais da comunicación dixital no eido turístico poderán beneficiarse das conclusións que veñen de tirar diversos investigadores baixo o proxecto ComTur 2.0 Uso e influencia de los social media y la comunicación 2.0 en la toma de decisiones turísticas. Neste estudo, no que participaron a profesora de Ciencias Sociais e da Comunicación da UVigo Mabel Míguez e outros docentes de universidades españolas saliéntase que os principais destinos españois defínense pola “falta de estratexia na comunicación que se fai nos medios en liña”.
O dito proxecto, dirixido pola profesora da Universitat Rovira i Virgili (URV) Assumpció Huertas e desenvolvido entre os anos 2013 e 2015, prolongouse neste 2016 coa publicación de La comunicación de los destinos turísticos y sus marcas a través de los medios sociales, no que investigadores da URV e das universidades de Vigo, Lleida, Málaga, Cardiff e Surrey dan conta da análise realizada sobre o uso que fan de Facebook, Twitter, Flickr ou Youtube un total de 38 destinos turísticos de cinco autonomías, Cataluña, Galicia, Andalucía, Canarias e a Comunidade de Madrid.
Segundo Míguez moitos dos destinos contan con perfís en varias redes, pero falla o xeito en que se usan: o punto de vista da xestión de marca e dos seus valores. Se ben as redes sociais poden non resultar decisivas á hora de “elixir destino en termos amplos”, si o son no intre de “determinar o lugar concreto ao que se viaxa, no que se aloxa ou que itinerarios fai”. Amais disto, “a maioría dos destinos explotan os mesmos valores de marca, co cal non hai diferenciación e desaproveitan as oportunidades que ofrecen as redes sociais para fomentar a interactividade e o diálogo co receptor”, engade Míguez.
No caso concreto de Galicia, as Rías Baixas como gran destino litoral, Santiago de Compostela como cidade patrimonial, Vigo como gran municipio, Sanxenxo como municipio do litoral, Monforte de Lemos como destino de interior e Ourense como cidade media constitúen, xunto coa propia comunidade autónoma, os sete focos sobre os que este proxecto centrou a súa análise onde, como apunta Míguez, “hai moita disparidade no uso dos social media”.

PUBLICIDADE