Un investigador do CITIC recibe un prestixioso premio para investigadores mozos
mércores, 22 de xuño do 2022
O investigador da Universidade da Coruña Álvaro
Leitao vén de ser recoñecido co Premio Peter Carr Memorial for Young
Researchers durante o International Congress on Computational Finance que
se celebrou en Wuppertal, Alemaña.
Este premio recoñece o mellor traballo presentado por un
investigador novo. Álvaro Leitao forma parte do grupo de investigación Modelos
e Métodos numéricos en enxeñaría e ciencias aplicadas (M2NICA), adscrito ao
Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC. Ademais do recoñecemento e a
dotación económica do premio, o investigador galardoado será conferenciante
plenario na próxima edición do congreso en 2024.
O Congreso Internacional sobre Finanzas Computacionais é
unha conferencia internacional organizada nesta edición pola Universidade de
Wuppertal. Con anterioridade se celebrou na Universidade da Coruña (2019), na
Universidade de Lisboa (2017) e na Universidade de Greenwich (2015).
Nesta edición centráronse na investigación e na
práctica das matemáticas e a computación financeira. Wuppertal congregou a
académicos de primeiro nivel así como a expertos da industria financeira de
todo o mundo. Entre outros temas que se trataron, os conferenciantes debateron
sobre dous enfoques temáticos, por un lado, o risco do cambio climático,
analizando os eventos extremos, risco de transición, desprazamento e migración
da poboación; e, polo outro, as finanzas verdes e a transición enerxética.