Un investigador de AtlanttTIC logra a patente internacional dun xerador cuántico de números aleatorios para encriptar información

mércores, 6 de abril do 2022 S. P.

O Centro AtlantTIC da UVigo vén de compartir un importante fito na súa historia recente de investigación e desenvolvemento centrado nas tecnoloxías da información máis avanzadas. En concreto, o seu investigador Francisco Díaz logrou a patente internacional dun xerador cuántico de números aleatorios para encriptar información e protexela en Internet (entre outros usos). Segundo informou AtlantTIC, en Europa só existe outro chip con funcións semellantes, pero o desenvolvido polo investigador da nosa terra “é máis sinxelo e seguro”. Trátase da primeira patente internacional para este investigador do grupo Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas, coñecido como grupo COM.
Segundo explicou, o chip poderá utilizarse en simulacións médicas, estatísticas ou industriais que necesiten estes métodos, así como en loterías e apostas. Na industria, engade Díaz, “o xerador poderá empregarse para simulacións de modelos nas que se necesiten xerar números aleatorios como por exemplo en loxística, mecánica, animacións por ordenador… e, en medicina, é de gran utilidade en farmacoloxía ou análise de mostras”.
A gran novidade do sistema ideado polo investigador “é a incorporación da mecánica cuántica para xerar números aleatorios puros”. O chip de Díaz, de catro por seis milímetros, poderá ser patentado a partires da avaliación internacional, en calquera país do mundo.
Francisco Díaz é profesor de Sinal e Comunicacións Ópticas na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, ademais de ser un dos investigadores promotores e impulsores do Center for Quantum Comunications Technology (QCTech), laboratorio especializado en comunicacións cuánticas e fotónica que se porá en marcha en Vigo nos próximos meses.
Así mesmo, Díaz Otero é tamén promotor de SPARC (Semiconductor InP Foundry and Advanced Research Centre), a futura fábrica e centro de I+D de Vigo especializada en semiconductores fotónicos e que conta co respaldo da Zona Franca de Vigo.

PUBLICIDADE