Un investigador da UVigo achanda o camiño para as redes rurais sen fíos baratas e sustentábeis

mércores, 10 de xaneiro do 2018 Fernando Sarasketa

O investigador Luis Alexandre Lopes Frazão, da Universidade de Vigo, vén de achegar un proxecto que garante a eficiencia, a sustentabilidade e a rendibilidade dunha rede sen fíos en eidos non urbanos. A súa proposta, probada con éxito na vila portuguesa de Memória, vén debullada na tese doutoral de seu, titulada Sistema intelixente para a xestión de redes sen fíos de banda ancha en ambientes rurais, que foi presentada na Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense, sendo a súa titora Silvana Gómez. Segundo fai saber Luis Alexandre, o obxectivo principal deste traballo de investigación foi achar os requirimentos para administrar e facer seguimento dunha rede sen fíos de área rural. Amais, achega claves para crear un modelo de xestión doado, económico e sustentábel.
O xermolo do proxecto está en emendar unha discriminación que persiste: a que sofren, en comparación coas cidades e vilas, as contornas non urbanas en materia de oferta de servizos tecnolóxicos. Segundo lembra Luis Alexandre, “a oferta real de Internet non é igual para todos debido á non rendibilidade da implementación destes servizos nas zonas rurais”. En definitiva, o modelo proposto foi deseñado para ofrecer alternativas aos problemas identificados na análise previa da situación de fenda dixital urbana-rural. Entre as características da proposta resultante, o seu autor salienta “o uso da intelixencia artificial para crear funcións que axuden aos administradores das redes a lograr unha boa calidade de servizo para os usuarios finais”. Segundo engade, as vantaxes destes sistemas smart céntranse en reducir os custos de instalación e mantemento e mellorar o rendemento.
Luis Alexandre explica que o modelo fornecido artéllase en varios módulos que teñen os mesmos obxectivos: redución de custos e automatización dunha xestión remota. Segundo fai saber, o seguimento de dispositivos e servizos, xunto coas ferramentas de diagnóstico e prevención, “permiten ao xestor de rede coñecer en tempo real a rede, os dispositivos e o seu estado de servizo”. Ademais, o factor mantemento vén asegurado pola creación de informes históricos e gráficos de valores dos dispositivos e os seus servizos.
No transcurso da elaboración da tese o investigador deu forma a un portal que busca subministrar datos salientábeis e de valor aos usuarios das redes. Ao remate, o o modelo propón a monitoraxe de usuarios para evitar abusos de tráfico e dar prioridade a algúns tipos de tráfico de aplicacións. “A solución permite mellorar o rendemento da rede mediante a toma de decisións intelixentes baseadas no estado actual das variábeis de tráfico da mesma que resultará nun uso xusto da infraestrutura e mellorará a calidade da experiencia para todos os usuarios”, comenta Frazão.

PUBLICIDADE