Un informe incide nos vínculos do spam farmacéutico coas mafias rusas

mércores, 18 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

O spam é sempre spam. Ou sexa: lixo. Con todo, pódense facer clasificacións, do mesmo xeito que é posible poñerlle etiquetas aos refugallos. Disto trata un estudo recente de IronPort Systems no que se trata de buscar as causas, as motivacións e a natureza mesma desa lacra que asolaga cada día as nosas contas de e-mail. No estudo, en boa medida, non se di moito que non saibamos. Por exemplo, que o groso do correo lixo segue a estar constituído por tentativas de venda de produtos farmacéuticos ilegais en liña. Deste xeito, no informe constátase certo bo ollo por parte dos spammers, ao pór á venda (supostamente) material que, ben por cuestións de restricións lexislativas ben porque a súa compra compromete ó cliente (tipo Viagra), fica un pouco a contrapelo dos cidadáns.
Até aquí nada novo. Onde de verdade comeza o miolo da investigación é nas relacións que establece entre os creadores de malware e os negocios farmacéuticos ilegais por Internet, unidos eles agora por un nexo común: o emprego das redes bot para enviar a esgalla os correos spam onde promoven os seus sitios web.
Segundo o informe de IronPort (empresa especializada en seguridade informática), máis do 80% do correo lixo enviado pola rede bot Storm serve para comercializar marcas farmacéuticas da Rede. A pregunta que nos podemos facer ao respecto é a seguinte: a quen se dirixe todo iso? Fanse diferenzas e estudos de mercado para sacarlle máis rendibilidade aos envíos? Polo visto, os spammers páranse algo neste tema, aínda que non moito. Os ditos correos son subministrados por millóns de ordenadores persoais dos consumidores que foron infectados con Storm mediante “sofisticados trucos de enxeñería social e vulnerabilidades en páxinas web”.
Na investigación mesmo se achegan detalles sobre a procedencia dunha parte importante deste correo lixo: detrás dela atópase unha organización criminal rusa que se fai con colaboradores para enviar correos a través de redes bot e que reciben un 40% de comisión sobre o custo da venda. Resultado? Segundo a firma IronPort, que importe máis o negocio a toda costa que a calidade do produto subministrado, que adoita a vir co ingrediente activo requirido pero non coa dose correcta do mesmo (arredor dos dous terzos destes medicamentos ilegais cumpre esta triste norma).
Respecto aos beneficios xerados, Storm e outras redes bot xeran pedidos a comisión que se serven a través das cadeas de distribución e achegan un beneficio de 150 millóns de dólares ao ano. O informe de IronPort tamén subministra os métodos de acción do dito malware empregado para infectar PCs e, en consecuencia, unha serie de consellos sobre que é aquilo que non hai que facer na nosa navegación senón queremos converternos en lanzadeiras involuntarias de spam.

PUBLICIDADE