Un informe advirte da mala situación dos e-books en España

venres, 15 de abril do 2011 Marcus Fernández

O documento de traballo do Observatorio da Lectura e o Libro Situación actual e perspectivas do libro dixital en España dá conta do mal estado do sector dos e-books no mercado español no que existen multitudes de eReaders á venda, pero os contidos autorizados e en español son unha carencia notable, de xeito que a oferta de contidos non responde ás necesidades do lector dixital.
O estudo apunta aos prezos dos contidos dixitais coma un dos principais atrancos para a adopción destes novos formatos, aínda que tamén critica os sistemas anti-piratería (DRM), que supoñen un importante atranco para os consumidores, dificultando e mesmo imposibilitando a carga de contidos pagados nos dispositivos de lectura.

O documento de traballo do Observatorio da Lectura e o Libro

Estas eivas son as que están a levar que, segundo datos da industria cultural, o 43% dos títulos consumidos son ilícitos, cun crecemento interanual do 120% do pirateo de textos durante en 2010.
A Lei do Libro (que permite ao editor fixar os prezos) e o feito de que os e-books teñan un IVE superior aos libros en papel son atrancos para os novos formatos, pois forzan a uns prezos elevados, que non se dan noutros países como EE.UU., onde o libro electrónico está a consolidarse como sistema de lectura preferente entre os lectores habituais.
Por fortuna, parece que 2010 será o ano no que se produza un cambio de rumbo grazas ao desembarco en España da tenda de e-books de Amazon, aínda que resulte patético que teña que impulsarse este novo negocio dende fóra de Europa, como tamén está a acontecer coas vendas de música a través da Rede.

PUBLICIDADE