Un grupo coruñés vende o seu último álbum nunha memoria USB pendurada dunha camiseta

luns, 2 de xuño do 2008 Marcus Fernández

Tres membros de Nouvelle Cuisine posan para La Voz co novo disco-camiseta.

Os grupos musicais están a afrontar de xeito imaxinativo a actual crise de vendas do sector, e como exemplo temos a última iniciativa de Nouvelle Cuisine, banda coruñesa que decidiu vender o seu último álbum nunha memoria USB pendurada dunha camiseta.
A camiseta do grupo véndese por 19 euros (portes incluídos) en distintas tallas (de S a XL) e cores (amarelo, verde, azul, vermello e negro) e inclúe unha memoria USB de 512 Mb na que se almacenan os temas do último disco en formato MP3 a un bitrate de 256 Kbps, un ficheiro PDF coas letras das cancións, e incluso uns extras bastante interesantes (os maquetas anteriores do grupo, 19 temas inéditos e incluso actuacións en directo).
Esta curiosa camiseta-disco terá unha edición inicial de 100 unidades, aínda que tamén existirá edición en CD (que custará uns 10 euros na FNAC e en El Corte Inglés) e os temas musicais do álbum De memoria tamén se poden escoitar na páxina web da formación.

PUBLICIDADE