Un fallo de seguridade podería afectar a millóns de tarxetas SIM en todo o mundo

luns, 22 de xullo do 2013 Marcus Fernández

<a href="http://www.thetechherald.com/article.php/200811/416">Karsten Nohl</a> atopou un método para desprotexer as redes de telefonía móbil GSM (2G)O vindeiro día 27 e ata o 1 de agosto en Las Vegas desenvolverase un encontro sobre seguridade informática chamado Black Hat USA 2013, e entre os seus relatorios está a captar moita atención o de Karsten Nohl (experto que tamén dera a coñecer unha importante vulnerabilidade en redes GSM en 2009), quen dará conta dun fallo de seguridade que atopou en tarxetas SIM de móbiles, para desbotar o mito de que son elementos totalmente seguros.
O fallo atopado por Nohl permitiría que cun par de mensaxes de texto (que simulan ser comunicacións do operador de telefonía) puidese ser posible superar a seguridade de certas tarxetas SIM (estima que hai uns 400-750 millóns de tarxetas vulnerables no mundo), o que abriría a posibilidade de escoitar as chamadas da súa liña asociada, enviar mensaxes de texto, realizar pagamentos ao seu cargo e roubar información do mesmo. Un dos detalles máis preocupantes do fallo de seguridade é que podería explotarse nun par de minutos empregando un ordenador persoal, aínda que cómpre destacar que a vulnerabilidade só afecta ás vellas tarxetas SIM que fan uso do estándar de encriptación DES (as tarxetas máis novas empregan 3DES), e é de agardar que os operadores poidan tomar medidas para protexer aos seus clientes unha vez que se detalle este fallo de seguridade.

PUBLICIDADE