Un fallo afecta á privacidade de 14 millóns de usuarios de Facebook

xoves, 7 de xuño do 2018 Marcus Fernández

Nas últimas horas Facebook contactou cuns 14 millóns de usuarios afectados por un fallo que provocou que entre os días 18 e 27 de maio, cando creaban unha publicación en Facebook, o sistema non respectaba o seu criterio anterior e marcaba de xeito predeterminado que o contido ía ser público.
O fallo foi corrixido, e agora activaron un método para que os afectados poidan editar a configuración de privacidade das publicación publicadas no período de tempo no que o bug estivo presente, para que poidan mudar as entradas que consideren que non deben estar á vista de todos os usuarios de Facebook.
Ao parecer, o bug corrixiuse o 27 de maio, e agora é cando está a distribuírse a solución correspondente entre os usuarios. Dende Facebook nin deron conta do volume de publicacións afectadas nin de como foi posible que este fallo se introducise no sistema (xa que supón a manipulación do selector de privacidade, elemento co que deberían ter un coidado extremo, especialmente despois dos últimos escándalos ao redor da compañía de Mark Zuckerberg).

PUBLICIDADE