Un estudo salienta o poder da mensaxeiría instantánea para incrementar a produtividade

luns, 9 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

Investigacións sobre a Rede os seres humanos que hai nela hai para todos os gustos. Que estás a defender con unllas e dentes unha causa concreta? Pois no Google e en Yahoo! haberá informes a esgalla que che dean a razón (e en boa medida coa seguridade de que se mudas radicalmente de punto de vista, terás investigacións que che avalen e dende a outra beira). Isto que é tan xenérico, é ben aplicable a casos ben determinados. Por exemplo: o problema da produtividade nas empresas derivado do emprego de certas ferramentas en liña de comunicación e máis concretamente dos servizos de mensaxeiría instantánea. Se estás en contra do seu emprego na oficina, tes estudos que che apoian. Que cres que hai que pórse a favor? Pois agora tamén contas con respaldo, e da man das universidades de Ohio e California.
Estas, lonxe de crer que eses servizos serven para enlear a traballadores, aseguran que poden axudar a reducir as interrupcións. E como? Pois contribuíndo a que os empregados entendan estes recursos como un elemento de comunicación máis dentro da compañía. Ou sexa: como un substituto barato, rápido e útil do teléfono ou mesmo das conversas presenciais.
Polo tanto, a idea é aproveitar a mensaxeiría instantánea como canle para un diálogo máis breve e máis directo. Ademais, cóntase coa vantaxe da ferramenta interna destes servizos en liña que lles serve aos seus usuarios para indicar se están ocupados ou non. Grazas a ela, e a diferenza do que acontece se te chaman por teléfono ou recibes unha visita na oficina, non será precisa a interrupción do traballo, xa que aquela funciona igual que a tarxeta de “non molestar” dos establecementos hostaleiros.

PUBLICIDADE