Un estudo releva que o portugués tamén está en situación de risco para a era dixital

mércores, 13 de febreiro do 2013 Fernando Sarasketa

Sabiamos que ao galego RAG non lle ía ben nas redes sociais e no emprego xeral das novas tecnoloxías, cunha maioría de xente nova que só usa o castelán para os seus accesos, pero o que non imaxinabamos é que o galego-portugués tamén tivera o seu compoñente de risco no futuro dixital. E máis tendo en conta o peso da comunidade lusófona, con Brasil abranguendo por si só unha boa porcentaxe do colectivo 2.0 mundial. Con todo, e tendo en conta cousas como a teima que teñen os políticos con investir en uniformizar a golpe de lingua inglesa, semella que isto non abonda. Así nolo recorda un estudo internacional presentado estes días, que releva que a lingua portuguesa corre o risco de esvaecerse no eido dixital, sempre e cando non se tomen as medidas precisas para reforzar o desenvolvemento TIC deste idioma común.
A xuízo dos autores do estudo, isto débese sobre todo a unha mala preparación para o ámbito tecnolóxico. Sinalar que a investigación non se limita ao galego-portugués, senón que é unha avaliación xeral das linguas europeas e de cadansúa potencialidade para afrontar os retos da era dixital. En total, afondouse nas posibilidades de 30 das 80 linguas europeas existentes. No que máis falla o portugués, por certo, é na existencia de ferramentas axeitadas de tradución automática, en tecnoloxía para as análises de texto e máis recursos lingüísticos e orais. E todo iso malia ser o galego-portugués o quinto idioma europeo máis falado do mundo, con arredor de 200 millóns de falantes en catro continentes, a terceira máis empregada do Twitter e a quinta con máis presenza en Internet. O estudo en cuestión vén da man do Departamento de Informática da Faculdade de Ciências da Universidade de Lisboa. A Língua Portuguesa na Era Digital intégrase nunha colección de libros brancos sobre As Línguas na União Europeia da Sociedade da Informação e pode ser adquirido a través de metanet4u.eu en versión papel ou para e-book.

PUBLICIDADE