Un estudo pon de manifesto o escaso uso que se lle dá ás TIC no ensino galego non universitario

mércores, 14 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

Fálase moito da necesidade de afianzar a todos os niveis as novas tecnoloxías pero se cadra damos por sentados de máis certas boas disposicións con respecto á acollida que se lle dan a estas tecnoloxías. Ou sexa, sabemos que as TIC achegan vantaxes para a comunicación e a formación, aínda que tamén algún que outro atranco, pero estamos dispostos a asumilas? Segundo un novo estudo presentado no seo da Universidade da Vigo, unha cousa é o que pensemos destas ferramentas e outra o nivel de uso que lles deamos. O resultado é un claro desfase na súa aplicación práctica no eido docente con respecto ao nivel teórico, máis polo miúdo unha situación de escaso uso da informática no ámbito educacional non universitario. Esta é unha das grandes conclusións da tese de doutoramento do profesor Luís Vilán, “un detallado estudo da integración real da informática no sistema educativo non universitario de Galicia”, sinálase na web da Universidade de Vigo.
A investigación, que abrangue a situación tecnolóxico-formativa comprendida entre 2001 e 2008, achega unha serie de probas sobre cómo o emprego das TIC está suxeito á idade dos mestres. Deste xeito, os docentes con menor idade teñen meirande capacidade de manobra sobre os elementos da Sociedade do Coñecemento, non así os de maior idade. A nivel de ferramentas, Internet e todo que esta plataforma implica segue a ser o máis usado. Tamén os procesadores de texto e as presentacións. Vilán, que é profesor de Informática no IES de Teis, tamén sinala o relativo uso que se lle deu a outras opcións que xurdiron ao abeiro dos primeiros pasos da Rede, como as Web Quest, Hot Potatoes e Clic, ferramentas empregadas principalmente polos mestres de Infantil e Primaria. Non se pode dicir o mesmo das canles e recursos espallados pola Web 2.0, a web social que require a participación directa do internauta para o seu impulso, canles e recursos como blogs, wikis e podcasts que aínda non entraron con paso firme no eido docente da nosa terra, sendo a súa presenza neste ámbito “aínda minoritaria”. Algo máis avanzado semella ser o afianzamento do taboleiro dixital, subliña. O que si se ten constatado é que na Formación Profesional hai máis nivel de uso de todas estas canles dixitais ca entre os docentes das etapas de Infantil, Primeira, ESO e Bacharelato.

PUBLICIDADE