Un estudo denuncia a falta de accesibilidade de iTunes

luns, 26 de novembro do 2007 Marcus Fernández

A accesibilidade de páxinas web e servizos baseados na Internet para xente con problemas de visión, dislexia ou outras discapacidades é algo que habitualmente non se ten en conta, pero resulta abraiante un estudo que decidiu analizar a tenda iTunes coa web The Pirate Bay (que permite a descarga de ficheiros a través da rede BitTorrent) para determinar que os piratas non gañan só en prezo (de balde) senón que tamén fan máis doado a achega de contidos axeitados da Rede.
O estudo de David Furendal, experto en deseño para a interacción, avaliou as dúas plataformas en base a 5 persoas ficticias que terían visión reducida, cegueira, dislexia, daltonismo, xordeira e problemas motrices, de xeito que se determinou que a web The Pirate Bay resultaba accesible para case tódolos individuos, mentres que iTunes incluso resultaba totalmente inaccesible para invidentes e xordos (non teñen subtítulos para as súas películas, mentres que boa parte das que circulan polas redes P2P contan cos mesmos en distintos idiomas).
Esta sinxela análise de dous xeitos de achegar contidos audiovisuais da Internet dá a entender que as tendas en liña deberían coidar a súa accesibilidade.

PUBLICIDADE