Un estudo de Caixanova advirte da escasa internacionalización das empresas TIC galegas

venres, 19 de xuño do 2009 Raquel Noya

“As empresas tecnolóxicas galegas están excesivamente centradas no mercado local e teñen unha insuficiente orientación ao crecemento en novos mercados xeográficos, polo que deberían desenvolver estratexias para fomentar os procesos de internacionalización e a presenza no mercado global”. Así de rotunda e directa é unha das conclusións extraídas do último traballo publicado por Caixanova no marco do seu Foro de Estratexias Empresariais, co que dou por concuída a serie de estudos que analizaron as 17 principais cadeas de actividade da economía galega.
Esta publicación é unha síntese dos informes elaborados polo equipo de investigadores da Universidade de Vigo tras diversas enquisas, entrevistas e reunións mantidas cos principais axentes do sector.
Nas sesións de traballo participaron tanto representantes das actividades principais (fabricación e ensamblaxe de hardware e equipos informáticos; instalación, soporte e mantemento de equipos informáticos; implantación, integración, soporte e mantemento de aplicacións informáticas; fabricación de equipos de telecomunicacións; provedores de servizos e operadores de redes de telecomunicacións; instalación, soporte e mantemento de comunicacións e redes; captación, procesamento e almacenamento de datos; deseño de websites e portais, elaboración de contidos para Internet, consultoría e formación especializada en TICs), como das actividades de apoio e equipamento.
En resumidas contas, este informe, que pretende constituirse como “unha guía de traballo” para aquelas entidades e institucións (públicas e privadas) comprometidas coa competitividade dos sectores produtivos galegos, afirma que “existe un peso excesivo do mercado local e autonómico e unha orientación insuficiente ao crecemento nos novos mercados xeográficos entre as empresas TIC, que se pode salvar apostando polo desenvolvemento de novas canles de comercialización asociadas ás novas tecnoloxías”.
O informe tamén da conta da existencia de programas públicos orientados a incentivar, apoiar e promover o crecemento das actividades relacionadas coas TIC, que dinamicen o mercado no ámbito doméstico e empresarial, tales como subvencións, axudas directas ao tecido empresarial, plans de sensibilización…
Neste senso, as accións que os responsables do estudo propoñen para impulsar a economía das empresas galegas son, entre outras, “promover un maior grao de especialización de actividades entre as empresas TIC, xerar nas actividades TIC das empresas galegas unha maior sensibilización sobre o proceso de internalización e presenza no mercado global, potenciar a cultura da innovación no ámbito das novas tecnoloxías e apoiar economicamente os proxectos empresariais innovadores relacionados coas novas tecnoloxías”.
Tanto o informe técnico básico como a propia revista están dispoñibles para a súa consulta na web do Instituto de Desenvolvemento Caixanova.

PUBLICIDADE