Un estudo constata a escaseza xeral de coñecemento sobre Industria 4.0 entre as nosas empresas

mércores, 11 de outubro do 2017 Fernando Sarasketa

A sede de COFER (Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal) acolleu hoxe a presentación dun exhaustivo documento sobre as necesidades formativas para la industria 4.0 nas comarcas que atinxe e abrangue a confederación. Ou sexa, sobre os principais requirimentos que as PEME da contorna deberan cumprir para subirse ao carro das metodoloxías intelixentes de traballo (o ámbito 4.0), resultado da confluencia entre a industria e o mundo das tecnoloxías da información e dirixidas a poñer en xogo cousas como aforro nos custos de produción, redución dos gastos de mantemento, mellora da produtividade dos profesionais de xestión, minimizado de inventario ou mellora das previsións da demanda e planificación da produción. O estudo feito por COFER confirma que aínda hai moito traballo por facer.
En termos de obxectivos detallados, a investigación dirixiuse a coñecer as necesidades de formación nas empresas, “o que permitirá adecuar a oferta formativa nas tres comarcas e así facilitar que as persoas das organizacións poidan adquirir os coñecementos e habilidades precisas para competir na nova contorna dixital”. Outra das finalidades foi definir liñas de actuación en materia de formación, ao que cómpre engadir o reto de lograr un maior aproveitamento das accións formativas que se realicen
Entre as principais conclusións extraídas do estudo atópase a seguinte: a revolución nos modelos de negocio de todos os sectores (incluído os sectores naval e da enerxía) é rápida, e tecnoloxías como a información a gran escala (Big Data), a intelixencia artificial e a realidade virtual e aumentada, están a mudar de maneira radical os sectores. Porén, outra das conclusións é que, en termos xerais, existe un descoñecemento entre as nosas pequenas e medianas empresas do que significa a industria 4.0 e o que supón o uso das novas tecnoloxías. “As empresas das comarcas”, sinálase no informe, “deben propoñerse como adaptar os seus negocios a esta nova realidade económica, abordando procesos de evolución cara a unha verdadeira organización dixital”. Sexa como sexa, na investigación tamén se recoñece que unha parte das empresas son en algún grao conscientes das devanditas necesidades, malia que a maioría no teñan iniciado proxectos de transformación dixital.
As causas principais detectadas desta escaseza de proxectos son “a falta de coñecemento na materia, o baixo número de recursos e expertos TIC (Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) e a dificultade en concretar casos de negocio de abondo atractivos”. Segundo se indica no estudo, gran parte das empresas das ditas bisbarras non contan coa visión máis indicada e certeira sobre as tecnoloxías innovadoras que máis lles acaen, ou sobre como abordar a transformación dixital que precisan para competir no novo mundo dixital.
As persoas consultadas coinciden en que “será necesaria a colaboración” entre entidades de formación, administracións e empresas para poder implantar a tecnoloxía dixital no tecido empresarial e obter “así melloras de produtividade e competitividade”.
No estudo dise tamén que Navantia é a única empresa consultada polo momento que dispón dun plan para a implantación da tecnoloxía dixital, o que, a xuízo dos autores da investigación, “obrigará ás empresas auxiliares a incorporar estas tecnoloxías da Industria 4.0 nun futuro próximo”.
Respecto dos beneficios que as empresas esperan tirar da nova contorna dixital atópanse os seguintes: unha maior produtividade, diminución de erros no proceso e nos produtos e melloras na seguridade das persoas.

PUBLICIDADE