Un estudo certifica o potencial da publicidade en galego e máis o seu pulo nas redes

martes, 17 de setembro do 2013 Fernando Sarasketa

A empresas como Gadis ou R vailles ben polo servizo que ofrecen ou porque apostan polo galego? Pois case con toda probabilidade polas dúas cousas. Así nolo recorda o profesor Alberto Pena dende o campus de Pontevedra a través dun traballo no que defende a eficacia comercial de falarmos aos nosos clientes na lingua que estes saben súa, sexan quen de falala ou non. As cifras, de feito, non fan máis que confirmalo. Na devandita investigación, publicada polo Consello da Cultura Galega baixo o título Os novos horizontes da industria publicitaria, o docente da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da UVigo, Alberto Pena, analiza os efectos do uso das especificidades culturais do país no ámbito comercial, incidindo na idea de que calquera cultura que aposte por construír o seu propio discurso publicitario será máis competitiva no mercado internacional. Ou sexa, que a reivindicación e defensa do que unha determinada clientela considera propia é unha boa estratexia comercial.
Amais de Gadisa, Adegas Martín Códax ou Pescanova, para o profesor está claro que R, recentemente recoñecida pola Fundación Curros Enríquez pola súa defensa do galego, é un exemplo do avance do galego como lingua publicitaria, “e todo malia as dificultades polas que está a atravesar a lingua nas últimas dúas décadas”, explica. Alberto Pena explica tamén que o operador de telecomunicacións ten probas de que a súa liña de traballo en cuestión de marketing e comunicación resulta eficaz dende o punto de vista comercial. A maiores, trátase tamén dunha cuestión de prestixio con respecto á retórica de venda.
Noutro plano de cousas, o profesor tamén sinala no seu estudo que nos últimos tempos o sector está a experimentar, debido á crise financeira internacional, un importante retroceso, especialmente salientábel no caso da industria da comunicación. Segundo explica, “os anunciantes reduciron sensiblemente o nivel de investimento publicitario e isto está a influír nas cifras de facturación de moitas das empresas de comunicación que hai no país, polo que a publicidade tradicional tende a perder peso a favor da publicidade dixital”. Ao seu xuízo, as plataformas web e as redes sociais son en boa medida os seus novos soportes ao convertérense nos últimos tempos no multi-medio con máis posibilidades neste sector.

PUBLICIDADE