Un estudo certifica a mellora da produtividade das empresas da Eurorrexión grazas ao uso das TIC

xoves, 1 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

Jorge Remondes, autor da tese

As novas tecnoloxías non fan milagres, pero (igual que a comida saudable para o noso organismo) axudan a un bo funcionamento das empresas. Ou sexa, que de nada serve estar ao tanto das máis innovadoras tendencias e ferramentas para a xestión dos datos se logo vendemos ar. Pero de haber un bo proxecto de base e gañas de levalo a cabo, as TIC son a materia prima para ir ampliando negocio. Amosar isto con todo tipo de datos e de exemplos é o obxectivo da tese de doutoramento de Jorge Remondes, un traballo desenvolvido sobre a base de 173 empresas de ámbalas dúas beiras da fronteira galego-portuguesa e que salienta o moito que as ferramentas dixitais contribuíron a mellorar nelas a comunicación, a dispoñibilidade dos datos e a toma de decisións. O traballo, dirixido polo profesor Fernando Ramos (Universidade de Vigo), foi cualificado por unanimidade con sobresaínte cum laude. Segundo informa a dita institución educativa galega, a investigación revela a influenza positiva na produtividade que ten o uso das TIC nas organizacións, e máis cando se asocian á comunicación máis evolucionada e coa modernización da estrutura organizativa.

O tribunal da tese doutoral

As novas tecnoloxías”, subliña o autor da tese doutoral, “contribúen a aumentar a produtividade dos colaboradores, podéndose afirmar que existe unha relación directa entre a produtividade do traballo nas empresas e un conxunto de factores asociados á interacción e ao uso de tecnoloxía e de sistemas de información”. Porén, e malia todo o positivo que salienta (incluída a liberalización das telecomunicacións e a existencia dunha infraestrutura TIC que non esixe investimentos moi elevados), Remondes fai fincapé no seu estudo en que se corre arestora certo risco de non evolucionar nalgúns aspectos tanto como se debería. Deste xeito, considera que “aínda se rexistran varias empresas que non gozan na súa plenitude dos beneficios das TIC en comunicación interna, debido principalmente aos custes de investimento e ás modificacións organizativas esixidas para a súa adopción”, salienta.

PUBLICIDADE