Un estudo británico apunta que as SMS axudan a mellorar a ortografía dos nenos

venres, 21 de xaneiro do 2011 Raquel Noya

A grande maioría de mestres, pais, nais, médicos, titores… e todas aquelas persoas que teñen unha grande dificultade para descifrar as SMS dos nosos nenos e adolescentes opinan que as mensaxes de texto aos móbiles contribúen á deformación dos coñecementos ortográficos e gramaticais dos mesmos (nas máis das veces, os poucos que teñen), ao verse na obriga de abreviar e aforrar caracteres para non sobrepasar os 160 nas súas mensaxes.
É unha opinión extendida universalmente que agora, a Universidade de Colventry no Reino Unido, vén de desbotar a través dun estudo científico no que experimentou con dous grupos de nenos e nenas de 9 e 10 anos. O informe resultante non só afirma que os SMS non afectan á capacidade de lectura e escritura dos cativos, senón que pola contra, “contribúen á mellora da ortografía dos máis mozos”.
A razón que outorgan é aparentemente sinxela: “porque están expostos á composición de palabras alén do recinto escolar”.
Para o estudo, os científicos tomaron unha mostra de 114 nenos e nenas provintes das rexións centrais de Inglaterra, e crearon dous grupos. Os membros do primeiro recibiron un dispositivo para escribir SMS durante un periodo de 10 semanas ao tempo que asistían ás clases. O segundo grupo serviu como grupo de control e nel, cada neno foi diferenciado por IQ e suxeito a probas de lectura, ortografía e consciencia fonolóxica, é dicir, a habilidade coa que o infante toma conciencia, compara e manipula as unidades (palabras, sílabas e fonemas) que compoñen a linguaxe falada.
O monitoreo semanal dos nenos levou a resultados que permitiron concluir o comentado anteriomente: que o textismo contribuíu a que os nenos e nenas obtiveran mellor desenvolvemento nas súas probas que cando iniciaron o estudo.
Segundo afirman, “a alta naturaleza fonética” das abreviaturas e sobre todo a decodificación que os nenos fan delas melloran as súas habilidades verbais.

PUBLICIDADE