Un estudo asegura que o terzo das demandas de divorcio inclúe xa o termo Facebook
mércores, 23 de maio do 2012
Sen vontade de mandarlle un agoiro
especialmente negativo a Mark Zuckerberg como agasallo de vodas, logo da
formalización recente do seu matrimonio con Priscilla Chan, o certo é que a
palabra que designa a súa empresa, Facebook, amais de ir ligada xa a un bo número
de técnicas e recursos varios para establecermos contacto entre persoas, vai
cada día máis interrelacionada co contrario: coas despedidas definitivas.
Segundo se di dende SmartMoney e reflicten webs como enter.co ou esferabit,
un terzo das demandas de divorcio que se rexistran arestora conteñen a palabra
Facebook.
As razóns disto, todo hai que dicilo, poden
ser múltiples e variadas. Ou sexa, que non sempre aparece como termo cargado de
negatividade (por exemplo: “denegación dos deberes matrimoniais por estar todo
o día pendente do Facebook” ou a menos elegante aínda “coñecemento de diversas
infidelidades a través do Facebook”). Ás veces é de supor que a rede social tamén
servira para unir o que logo desune.
Con todo, na investigación (que foi levada a
cabo polo bufete de avogados Divorce-Online) asegúrase que as tres principais
razóns para este tipo de afastamento dos casados e a súa posterior oficialización
son as seguintes: mensaxes pouco axeitadas a membros do outro sexo, mensaxes
antipáticas á parella separada (pendente de divorcio, co que Facebook actuaría,
sen sabelo, de estocada definitiva) ou amigos comúns (que tanto falan)
rexistrando comportamentos pouco axeitados de algún dos dous.