Un estudio sinala a Google Wave como a vindeira revolución comunicativa da Rede

martes, 29 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

Para algúns, Google é unha especie de lobo con pel de año: promove cousas de balde, creando unha pantalla que agrada á opinión pública, mentres por abaixo vai traballando devagar nun latifundio virtual propio de seu. Para outros especialistas, as vantaxes que pon en xogo (o buscador, o visor de mapas vía satélite, a vindeira libraría electrónica, etc) son moito maiores que as posibles eivas que, por outra banda, son propias dunha empresa (e Google non deixa de ser unha multinacional). Leas aparte, o mesmo que se pode dicir de Google pode dicirse de Google Wave, novo modelo de comunicación e colaboración baseado na Web e que serve de obradoiro para traballar colectivamente en múltiples formatos en tempo real. O servizo de Google está a ser recibido de diversas maneiras, pero se cadra e até que se vexan os resultados prevalecen os bos agoiros. Por exemplo o que achega Enter, o Centro para a Análise da Sociedade da Información, para quen Google Wave non só supón hoxe en día un pulo á innovación tecnolóxica, senón un “cambio radical na maneira en que na actualidade se comunican os internautas”.
Estas e outras conclusións figuran no estudo Sube a marea: vén a Google Wave, un informe exhaustivo que escolma as “múltiples vantaxes” dun proxecto que segundo apuntan os seus creadores constitúe o que sería o correo electrónico se fose inventado hoxe. Por certo que entre eses moitos beneficios do servizo fálase do pulo importante que significaría para a comunicación e a innovación no seo mesmo das empresas.
En palabras dos autores da investigación, “Google non se está imaxinar Wave como un aplicativo web máis que se usa de xeito illado e para certo propósito específico. Google quere que Wave sexa a nova plataforma de comunicación que revolucione a maneira en que as persoas interactúan entre si en Internet”.
O informe en cuestión vén integrado no boletín semanal de Enter e pode descargarse de xeito gratuíto na web do centro.

PUBLICIDADE