Un español gaña preto de 27 millóns de euros nun billete de lotería adquirido na Rede

luns, 18 de xuño do 2007 Raquel Noya

A empresa Ventura24.es, que vende loterías e apostas do Estado a través de Internet, vén de anunciar a tramitación dun boleto de lotería premiado con 26,94 euros pertencente a un único acertante castelán-manchego que atinou na combinación gañadora do Euromillóns do pasado venres nunha soa aposta de 2 euros.
O premio, pese a ser o maior adquirido ata o de agora a través de Internet, non sorprende ó director de ventura24, Anders Kjong, quen asegura ter un volume de ventas tal que facía posible “vender pronto un primeiro premio de Euromillóns”.
O feito de ter apostado a través de Internet, fai probable que nunca se chegue a facer pública a identidade do agraciado xogador posto que este tipo de apostas permite seleccionar unha combinación e recibir a confirmación de compra e a comunicación dos resultados por correo electrónico, así como o ingreso dos premios á conta bancaria de xeito inmediato, mantendo o anonimato do apostante en todo momento.
A combinación gañadora estivo formada polos números 5, 7, 14, 21, 40 e as “estrelas” 3 e 8.

PUBLICIDADE