Un equipo virtual de docentes axudará ao alumnado que precise de atención domiciliaria

venres, 13 de novembro do 2020 Redacción

A Xunta de Galicia mellorará a atención domiciliaria do alumnado coa creación dun Equipo Virtual de Atención, conformado por docentes que empregarán para esta tarefa as aulas virtuais e as ferramentas dispoñibles, proposta presentada polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, no Comité Educativo, onde explicou que o obxectivo é ofrecer un recurso efectivo desde o punto de vista docente, pedagóxico e metodolóxico.
Esta medida aplicarase ao alumnado que, por padecer unha determinada patoloxía ou por calquera outro motivo, sempre xustificado desde o punto de vista médico, non poida acudir a clase durante un período prolongado e se atope en esta situación de atención domiciliaria.
O Comité analizou a proposta, que agora será desenvolvida e concretada co apoio dos membros do propio Comité para a posterior elaboración dunha resolución que faga realidade este recurso de apoio.
Trátase, polo tanto, de adaptar e mellorar o proceso de seguimento do alumnado en atención domiciliaria aos tempos e necesidades actuais, tendo en conta as especificidades impostas pola pandemia, abrindo unha canle constante de apoio, motivación e avaliación dos estudantes que se atopen nesta situación.
O Equipo Virtual de Atención contará tanto con mestres, para atender ao alumnado de Primaria, como por profesores de ámbito das especialidades de Secundaria para os estudantes destas etapas.

PUBLICIDADE