Un empregado de Google faise famoso a costa de saír en fotos... cos famosos

mércores, 5 de setembro do 2007 Matías Olazabal

Que teñen en común Mikhail Gorbachev, Bill Clinton, o Dalai Lama, Muhammad Ali, Jane Fonda e Robin Williams? Amais de seren personaxes coñecidos, todos forman parte do albume de fotografías de celebridades que Tan Chade-Meng, enxeñeiro de Google, foi confeccionando co paso dos anos trala obtención incesante de fotos con canto personaxe coñecido pasara pola oficina central do buscador. Nun principio non foi doado para o señor Tan acadar as fotografías en cuestión, pero dende o día en que logo de escoitar as sirenas de coches de policía baixou coa súa cámara dixital e logrou fotografarse con Jimmy Carter, as cousas foron facéndose máis sinxelas, e hoxe en día todas as persoas que visitan a central preguntan polo enxeñeiro para quitarse a foto, algo que xa constitúe unha parada obrigada do tour.

Na actualidade os “famosos” cos que se inmortaliza este empregado de Google abranguen diversos ámbitos da sociedade, entre os que cómpre salientar a política, os actores, e persoas que teñen recibido importantes premios como por exemplo o Nobel, e, entre todos xa suman máis de 100 os que teñen pousado á beira de Tan e perante a cámara. Lembrar ademais que os fotógrafos requiridos adoitan a ser xente que “pasa por alí” e que moitas destas imaxes foron feitas polo co-fundador da firma, Larry Page.

PUBLICIDADE