Un dos pais de Internet, na Campus Party de Valencia

martes, 3 de xuño do 2008 Raquel Noya

Os organizadores da Campus Party, o encontro de cultura dixital e tecnoloxía en Rede que o pasado ano achegou a máis de 8.000 persoas a Valencia, veñen de anunciar hoxe ó seu relator principal, o británico Tim Berners-Lee, recoñecido en todo o mundo como un dos “pais” de Internet por ter establecido as primeiras conexións entre as ferramentas que fan posible a Rede de Redes.
Entre outras cousas, Sir Tim Berners-Lee, que abrirá a festa dixital deste ano, é o responsable de crear algunhas das utilidades máis importantes para o funcionamento da Word Wide Web, como a linguaxe HTML (HyperText Markup Language), o protocolo HTTP (HyperText Transfer Protocol) e o sistema de localización de obxectos na web URL (Universal Resource Locator).
Asemade, este científico informático inventou un sistema para interconectar documentos e facelos accesibles a través da Rede chamado World Wide Web e desenvolveu tódalas ferramentas para facer funcionar a web: o primeiro navegador, o primeiro servidor web e as primeiras páxinas.
A Campus Party, que este ano terá lugar do vindeiro 28 de xullo ó 3 de agosto na Feira de Valencia, conseguiu que Berners-Lee asistira como relator 19 anos despois de que fora concibida a Rede e cando se cumpre o 15º aniversario do anuncio do CERN de que “a web sería accesible de balde para todo o mundo”.
O que é na actualidade director do World Wide Web Consortium (W3C) ilustrará aos asistentes da Campus Party 2008 cun relatorio sobre a súa experiencia coa Rede e sumarase á participación doutros importantes personaxes do mundo da cultura e a investigación dixitais, como o inventor da linguaxe PHP, Rasmus Lerdorf e o presidente de Linux Internacional, Jon Maddog Hall, entre outros.

PUBLICIDADE