Un colexio galego elixido pola Fundación Telefónica para a súa iniciativa de educación TIC

xoves, 15 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

Hai presenza galega no Proxecto Escolas Amigas da Fundación Telefónica. Esta presenza vén da man do CEIP Carballal, de Marín, que foi seleccionado pola entidade para participar na terceira edición do dito proxecto educativo-tecnolóxico, a convocatoria 2012-2013, cuxa finalidade é mellorar a achega docente a través da participación plena das novas canles e servizos dixitais. A isto cómpre engadir o seguinte cometido: promover o intercambio e o achegamento cultural entre estudantes de España e da outra beira do Atlántico. A achega de Latinoamérica, por certo, vén da man de Proniño, que desenvolve o seu labor nos centros educativos procurando a eliminación do traballo na nenez.
Segundo informa a Fundación Telefónica, trátase da primeira vez que unha escola galega participa na iniciativa, un certame que para que esta terceira edición dará acubillo a escolas amigas dunha ducia países do devandito contorno xeográfico, o que supón máis de 150 colexios, arredor de 4.500 alumnos, 230 docentes e preto de 150 voluntarios de Telefónica. O proxecto ten ademais a capacidade de estreitas canles de comunicación entre uns centros e outros. No caso do CEIP galego, o seu irmán docente será a Escola Municipal Heriberto Bignolli, en Mar de Plata, Arxentina. Nun plano máis específico, traballarán xuntas no desenvolvemento dun blog compartido que dará acubillo aos coñecementos e impresións dos estudantes sobre o seu contorno máis próximo, incluíndo patrimonio cultural, artístico, xeografía, marco social, etc. A intención disto é permitir un achegamento a outras realidades sociais. “O proxecto”, informa a Fundación, “trata de promover o respecto e o coñecemento de outras culturas, a través do contacto directo con persoas de outros países e grazas a un traballo en colaboración presencial e dixital que permita o achado de realidades distintas”. En total, participarán 51 alumnos do CEIP Carballal e 40 da dita escola arxentina. Os estudantes teñen idades comprendidas entre os 11 e os 12 anos. A actividade, que comezou este mes coincidindo co comezo do curso en Arxentina, desenvolverase de aquí até xuño. Entre as tecnoloxías incluídas no programa para favorecer o traballo ombro con ombro inclúense as videoconferencias, programadas en función das súas necesidades e inquietudes.

PUBLICIDADE