Un ciclo teatral mestura a linguaxe escénica coa interactividade propia dos videoxogos

mércores, 24 de xaneiro do 2024 Redacción

O ciclo Clásicas Desfeitas, promovido pola Xunta de Galicia a través do Centro Dramático Galego e a Cidade da Cultura, presenta en febreiro un novo Hamlet que mestura a linguaxe escénica e a interactividade propia dos videoxogos para crear unha nova obra de teatro itinerante na que o público participa directamente no desenvolvemento da trama.
Logo de catro anos e once producións, Clásicas desfeitas consolídase como unha innovadora aposta de apoio á creación que permite redescubrir obras e autores da literatura galega e universal baixo a ollada da linguaxe escénica contemporánea. Rosalía de Castro, Sor Juana Inés de la Cruz, Gil Vicente, Virgina Woolf, Albert Camus ou Sófocles son algúns dos nomes sobre os que xa traballaron as artistas galegas e internacionais participantes.
En Hamlet, o de Cunqueiro (título do volume IX do ciclo) os profesores da Universidade de Vigo Beatriz Legerén Lago e Antonio Pena adaptan o texto O incerto señor don Hamlet, de Álvaro Cunqueiro a unha nova proposta multidisciplinar e interactiva onde o xogo está moi presente.
Ambos contan coa experiencia desenvolvida dentro do grupo de innovación docente ComTecArt (Comunicación, Tecnoloxía e Arte nas Contornas Virtuais), responsable tamén da primeira residencia artística de creación dixital e videoxogos da Cidade da Cultura. Esta permitiu a un grupo de universitarios de carreiras diversas vivir en primeira persoa o proceso de creación dun prototipo de videoxogo a partir da novela Arnoia, Arnoia de Xosé Luís Méndez Ferrín.
Nesta ocasión o resultado non será un videoxogo, senón unha obra de teatro inmersiva na que as decisións e accións da audiencia crearán cada vez unha resposta distinta ás incógnitas sobre o amor, a morte e a familia, que atormentan a Hamlet, o de Cunqueiro. A mecánica de interacción con obxectos, a exploración de diferentes escenarios e os finais múltiples caracterizan os elementos propios dos videoxogos integrados na peza.
A produción deste novo Hamlet destaca tamén por tender pontes entre a cultura galega e a brasileira a través do traballo conxunto que están a realizar no apartado escénico a Cia. Teatral Boccaccione de São Paulo e o grupo teatral galego Marinita y sus Maromas. Ademais, a obra inclúe elementos do relato A Cartomante de Machado de Assis, un dos autores máis relevantes da literatura do Brasil.
A peza está a perfilarse dentro das Residencias Artísticas do Gaiás (REGA) e presentarase ao público na Cidade da Cultura os días 2 e 3 de febreiro, con tres funcións cada día, ás 18:00, 19:30 e 21:00. A función das 18:00 do sábado día 3 estará adaptada no seu percorrido a persoas con mobilidade reducida.

PUBLICIDADE