Un ciclo de charlas buscará impulsar as vocacións STEM entre as mozas

luns, 30 de setembro do 2019 Redacción

A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL) e a AMTEGA, poñen en marcha a segunda edición do programa GIRL STEM: derrubando estereotipos, que ofrece catro encontros con mulleres referentes no ámbito tecnolóxico e científico e seis obradoiros durante o mes de outubro. É unha das iniciativas do Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola AMTEGA para fomentar as vocacións tecnolóxicas entre os máis novos.
O obxectivo do GIRL STEM consiste en orientar e apoderar ás rapazas con charlas inspiradoras destas directivas e investigadoras que lles falarán do seu traballo, para animar ás máis novas a escoller, se o desexan, titulacións STEM. Cómpre lembrar que o alumnado feminino nas carreiras STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), apenas se sitúa en torno ao 25%, segundo os datos achegados polo Informe El Desafío de las Vocaciones STEM publicado hai unha semana pola Asociación Española para a Digitalización DigitalES.
Do 4 ao 14 de outubro GIRL STEM ofrecerá diversos encontros entre rapazas da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato e mulleres tecnólogas referentes nos seus sectores. Ademais dos encontros, levaranse a cabo seis obradoiros en centros de primaria, nos que se desenvolverán dinámicas orientadas a familiarizar ás nenas e nenos coa ciencia e normalizar o seu coñecemento e o seu uso dentro de xogos e actividades cotiás.

Mulleres líderes en Ciencia e Tecnoloxía

Na selección das mulleres referentes tívose en conta a súa actividade profesional no ámbito TIC, valorando aspectos como a notoriedade da súa traxectoria, así como a súa repercusión mediática, o seu liderado e participación en proxectos innovadores e habilidades para a motivación grupal.
– Montserrat Guardia (4 de outubro na Coruña): Experta en blockchain, unha das tecnoloxías que maior impacto social terá nos próximos anos, é neste momento a directora xeral de Alastria, o consorcio de Blockchain no que participan máis de 420 membros de primeira liña procedentes da industria, o sector público e o mundo académico de España. Anteriormente foi directora xeral de Banco Sabadell, a quinta entidade financeira más grande de España. Acumula máis de 20 anos traballando en novas tecnoloxías e participando na transformación dixital de grandes compañías, como Technip, SchlumbergerSema, e de grandes eventos, como os Xogos PanAmericanos 2007 e o Mundial de Fútbol de 2002.
– Yaiza Rubio (9 de outubro en Ourense): É analista de Intelixencia en Elevens Paths (a unidade de ciberseguridade de Telefónica). Ten pasado por importantes empresas no ámbito da intelixencia como S21 ou Isdefe. Ademais é membro do Instituto de Ciencias Forenses da Universidade Autónoma de Madrid (UAM) e colaboradora do Centro de Análise e Prospectiva da Gardia Civil. É docente universitaria en cursos de posgrao sobre análise de intelixencia, seguridade e fontes abertas. Publicou xunto a Félix Brezo o libro ‘Bitcoin; a tecnoloxía blockchain e a súa investigación. Participou como poñente en prestixiosas convencións de hackers como DefCON e Black Hat.
– Beatriz Martínez (11 de outubro en Lugo): Cunha dilatada experiencia no sector das telecomunicacións, Beatriz intégrase no equipo de Solutions Architets de RED HAT para apoiar as actividades de Cloud e Infraestrutura. A súa traxectoria profesional multidisciplinar, ocupando diferentes posicións na industria, permitíronlle desenvolverse e comprender os diferentes retos e necesidades do cliente tanto no desenvolvemento técnico como de negocio.
– Mar Capeáns (14 de outubro en Pontevedra): É científica senior no CERN (Xenebra, Suiza), onde leva liderando distintos grupos de traballo desde 1992, e onde actualmente exerce como Coordinadora Técnica das melloras tecnolóxicas do experimento LHC, coñecido popularmente como acelerador e colisionador de partículas, un proxecto fundamental dentro do campo da investigación nuclear. Ten publicado máis de 450 artigos científicos no campo da Física de Altas Enerxías e a instrumentación, é editora da revista Journal of Instrumentation (JINST) e participou como asesora en Consellos Científicos e na avaliación de finaciamento competitivo de programas de Física de partículas a nivel internacional e para programas da Comisión Europea.

PUBLICIDADE