Un cento de profesionais das administracións debaten en Santiago sobre como acadar a xanela única en liña

xoves, 15 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

A administración electrónica xa está aquí e non hai xente de obviala. En definitiva, hai que roela, queirámolo ou non, sobre todo se temos en conta que a Unión Europea vén de aprobar unha serie de directivas que requiren ós países membros a creación de servizos de tramitación empresarial máis eficaces e rápidos. Este requirimento ten prazo: 2007. Precisamente, falar da aprobación destas directivas e procurar fórmulas para cumprir con eses obxectivos (obxectivos que, entre outras cousas, ceibarían dunha vez por todas ás novas empresas dos longos períodos de tempo esixidos hoxe para súa constitución) é a base dunha xuntanza mantida este xoves 15 en Compostela, chamada BizPoint, na que participaron un cento de expertos europeos en xanelas únicas, administración para as empresas e apoio a emprendedores.
Código Cero puído falar con algún deles e semella que hai certa coincidencia neste punto: España non semella estar en condicións de cumprir cos requisitos establecidos. Dende logo, semella que fica aínda lonxe de Dinamarca, onde (por exemplo) as administracións e os emprendedores resolven a constitución dunha empresa (o rexistro) en cuestión de segundos, vía novas canles da información.
A xuntanza en Santiago, organizada polo proxecto europeo ICHNOS (Innovation and Change: Network of One-Stop Shops), contou coa participación de diversos persoeiros que levan anos traballando dende as administracións por estar un pouco máis preto dos cidadáns en xeral (incluídos os empresarios, claro) a través do emprego da Internet: axilizando trámites e/ou facendo máis eficaz o traballo. Dende logo, na consecución das xanelas únicas que palíen coa axuda da tecnoloxía a gran fragmentación das oficinas ás que petar, queda moito por facer, e non só en España, senón en toda Europa; e non só nas propias administracións, senón tamén entre os cidadáns (poñendo algo da súa parte, perdéndolle a desconfianza ó feito de facer un trámite no presencial).
Neste senso, un dos obxectivos dos participantes en BizPoint e ollar en fite ós países máis avantaxados en administración electrónica. Como por exemplo Dinamarca, país do que provén Torsten Grunwald, responsable do proxecto de rexistro en liña a Axencia Danesa de Empresas e Comercio, que estivo na xuntanza de Santiago falando da súa experiencia: “En Dinamarca, como en calquera outro lugar, as empresas precisan de tempo e de esforzos para a súa posta en marcha. Mais, no que se refire ó rexistro da mesma, vimos procurando poñerlles ós empresarios as cousas máis sinxelas posibles, podéndose facer o rexistro en cuestión de segundos”.
Javier García Tobío, director de Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), falou na reunión da responsabilidade deste departamento que coordina e máis deu a súa opinión sobre o caso galego e as súas características dentro de Europa. “O CESGA ten a misión de darlle un pulo á tecnoloxía para favorecer a consecución da xanela única, de reforzar a infraestrutura. Precisamente, dentro do programa europeo ICHNOS, vimos observando a tecnoloxía e as xanelas postas en marcha noutros países da Unión, e o que podemos ver é que non estamos nin máis adiantados nin máis atrasados ca eles. O da administración electrónica é un reto común para tódolos membros”, comentou.
De retos compartidos tamén falou Carlos Silva Liste, subdirector de Información Especializada do IGAPE, para quen a nosa terra, no eido da xanela única, non é distinta do resto, e (por exemplo) o tempo que se tarda aquí en constituír unha empresa e máis ou menos o mesmo ca nunha boa parte da Unión: entre unha semana e dúas, sendo o obxectivo (compartido) reducir ese tempo até apenas dúas xornadas. Silva Liste tamén falou do conseguido até o de agora polo IGAPE (a contribución á posta en marcha de medio milleiro de empresas pola vía telemática) e tamén da capacidade de aceptación do galego medio destes novos xeitos de tramitación a distancia: “En realidade, todo o que sexa simplificar o traballo burocrático das empresas e reducir os tempos é moi ben acollido. O problema é que se pode dar un descoñecemento das novas tecnoloxías, e dalas a coñecer é tamén responsabilidade nosa, fomentar a confianza nelas. Non estou a falar só de constitución de iniciativas, senón tamén de solicitude de subvencións e de todo tipo de tramitacións. En xeral, os empresarios acollen moi ben estas medidas”.
Na xornada de Compostela tocáronse temas como:
· As experiencias de xanelas únicas empresariais en Europa.
· As claves da tramitación electrónica das empresas coa administración.
· Como se constituirán as empresas do futuro?
Cómpre subliñar que o proxecto ICHNOS é unha iniciativa posta en marcha en marzo de 2005 e que ten o seguinte alicerce: a habilitación de xanelas únicas ou puntos de acceso únicos empresariais representa, en moitas rexións, un instrumento clave para promover o desenvolvemento local.

PUBLICIDADE