Un centenar de persoas participaron no encontro de blogs de moda de Con-fío en Galicia

luns, 14 de marzo do 2016 Redacción

Este sábado celebrouse na Cidade da Cultura unha xuntanza tecnolóxico-téxtil na que se expuxeron ideas e propostas de valor para impulsar o noso sector da moda e do deseño a través das novas canles de comunicación, directas, inmediatas e participativas, que fornece hoxe en día a Rede. Tratouse, máis en detalle, dun encontro de blogs de moda inserido no marco da exposición Con-fío en Galicia. O evento, que contou coa presenza dun cento de bitacoreiras/os, serviu tamén para promover e afianzar a marca Galicia no mundo botando man das redes sociais.
Fixo acto de presenza o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, que convidou aos participantes a converterse en “embaixadores da moda galega” nos espazos virtuais que xestionan. Ademais, salientou “a súa relevancia na creación de tendencias e a súa forza para humanizar as marcas e achegarse a diferentes públicos”.
Tamén participou na xuntanza María Barros, figura referencial do deseño de moda galega, e fíxoo cunha charla sobre as claves do proceso creativo dos deseñadores. A xuntanza tamén acolleu a rodaxe dun fashion film, no que se amosaron diferentes pezas de deseñadores galegos. Esta peza audiovisual, por certo, empregarase como produto de promoción nas redes sociais.
A xornada completouse cunha visita á mostra Con-fío en Galicia, exposición que foi inaugurada o venres, que estará aberta ata o 11 de setembro, unha mostra que en palabras do conselleiro “converte o Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura nunha pasarela de moda na que homenaxear un sector que conseguiu situar Galicia nun lugar de referencia no panorama internacional: o téxtil”.

PUBLICIDADE