Un centenar de persoas participarán na UVigo nos obradoiros sobre Matlab

mércores, 14 de novembro do 2018 Redacción

Até cen persoas van participar, até o 30 de novembro, nos obradoiros da Universidade de Vigo sobre o programa Matlab e a súa versión R2018b, un software enxeñeiro e científico dispoñíbel de balde para estudantes, docentes e investigadores da UVigo. Os obradoiros están a ser organizados por Matlab & Simulink, grupo de traballo que se ocupa de organizar eventos de Matlab nos campus vigueses. O obxectivo destes talleres é ensinar o procesamento e análise das imaxes en vivo a través da placa computadora Raspberry Pi.
Co apoio de MathWorks, empresa que desenvolve Matlab, organizáronse catro obradoiros para os días 23, 27, 29 e 30 de novembro. Segundo explica a UVigo, a alta demanda fixo que se cubrisen as prazas en menos de 24 horas dende que se abriu o período de inscrición, polo que a organización ampliou programa e organizou unha quinta sesión, engadindo desta maneira 20 prazas máis. Polo tanto, serán un total de 100 as persoas as poderán participar nunha das cinco sesións do workshop da Raspberry Pi, que mostrará ao alumnado como manexar un dispositivo empregado a escala global para a posta en marcha de solucións industriais de moi variada natureza e utilidades.
Os obradoiros desenvolverase nas dúas sedes da Escola de Enxeñería Industrial, cidade e campus, en horarios e días diferentes para “facilitar a asistencia”, explican dende Matlab & Simulink. As actividades realizarase ao longo do mes de novembro en xornadas únicas de catro horas.
As accións formativas están destinadas a toda a comunidade universitaria viguesa, dende alumnado ata profesorado e teñen carácter gratuíto. Estes workshops enmárcanse dentro do conxunto de actividades que organiza o grupo de traballo da Universidade de Vigo Matlab & Simulink. Ao longo deste primeiro cuadrimestre puxéronse en marcha diferentes eventos coma o curso inicial de Matlab de nivel básico (Matlab Onramap), unha práctica 00 sobre Matlab de cara a preparar ao alumnado de segundo curso da materia de Automática e Control Industrial da Escola de Enxeñería Industrial e un evento coa colaboración de profesorado da propia escola sobre termografía aplicada a Matlab.

PUBLICIDADE