Un buscador intelixente destapa as comisións e recargos ocultos dos voos

mércores, 16 de maio do 2012 Raquel Noya

A firma catalá Trabber.com, con sede en Cornellà de Llobregat (Barcelona), vén de crear unha ferramenta de busca de voos na Rede, que ademais de dar co voo máis barato de entre todas as compañías operantes, trata de ofrecer o prezo final sen cargos de última hora nin comisións ocultas, é dicir, o prezo real dende o primeiro momento.
Sobra explicar os motivos que levaron a esta empresa a desenvolver tal buscador, pero o certo é que o usuario potencial atopará unha aplicación doada de usar, moi funcional e intuitiva, e sen contidos adicionais que despistan a súa atención da información que precisa.
Trabber.com fai rastrexos nun total de 86 webs entre aeroliñas, axencias de aluguer de coches e centrais hoteleiras, coa finalidade de dar coa mellor oferta, e co beneficio engadido de que dende o primeiro paso súmalle ao prezo total o prezo por maleta, os recargos por tarxeta de crédito, os gastos de xestión... de maneira que o usuario non perde o tempo con ofertas supostamente interesantes que logo resultan ser un timo, nin se fai ilusións con prezos moi reducidos e mesmo irrisorios as máis das veces.
Esta ferramenta virtual tamén permite que os usuarios creen as súas propias carpetas de prezos e ofertas, e mesmo que compartan opinións con outros usuarios da web; a maiores, como buscador intelixente que é, “aprende” das buscas que fai o usuario e optimiza os resultados en función das súas costumes e necesidades.
Por certo, que Trabber.com xa afirma ser “o primeiro buscar en incorporar a compañía Iberia Express”, que despois de tanta polémica comezou a operar o pasado 25 de marzo.
Trabber.com tamén lle permite ao internauta interactuar coa compañía a través de Twitter, pedindo ofertas para un voo concreto que o persoal contesta de xeito automatizado e ao instante. Para usar esta plataforma é necesario enviar un tweet a @trabber_ofertas.